saltar ao contido

A campaña de doazón de sangue organizada no Parlamento remata con boa acollida

• A participación superou amplamente o 10%, cando a media de doazóns en Galicia se aproxima ao 5% da poboación
 
• A iniciativa enmárcase nunha campaña de captación de doazóns nas datas previas á Semana Santa, na que descende a afluencia de doadores e se incrementa a demanda de sangue por mor dos accidentes
 
Santiago, 23 de marzo de 2010.- A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia que esta mañá estivo recollendo doazóns de sangue no Parlamento regresou á súa base coas expectativas cumpridas.
 
Ao remate da mañá participara nesta iniciativa máis do 10% do total do persoal que se dá cita na Cámara autonómica nun día de Pleno, como o que se iniciou hoxe.
 
A media de doazón de sangue en Galicia é do 4,5%, é dicir, 45 doazóns por cada mil habitantes e ano, 7 puntos por riba da media do conxunto de España.
 
O desprazamento dunha unidade móbil do Centro de Transfusión ao Parlamento de Galicia durante a xornada de hoxe enmárcase no programa de recollida de doazóns de sangue que se desenvolve antes da Semana Santa.
 
Nestas datas, faise preciso un novo esforzo por parte da cidadanía para tentar incrementar o volume de doazóns, xa que as xornadas festivas de Semana Santa presentan unha dobre dificultade: estabilizar o número de doazóns nun período no que existe unha maior deslocalización dos doadores e doadoras habituais e un incremento da demanda de hemoderivados por parte dos hospitais debido, principalmente, ao aumento das urxencias derivadas dos accidentes de tráfico.
 
Obxectivos inmediatos
 
O Centro de Transfusión de Galicia lembra que, nestas datas, se fai preciso contar con doazóns de todos os grupos sanguíneos, moi especialmente do grupo A Negativo e dos grupos Cero Positivo e A Positivo, xa que o 75% dos cidadáns galegos posúen un destes dous grupos sanguíneos.
 
As dez unidades móbiles do CTG visitarán, ao longo das vindeiras dúas semanas, máis de 60 concellos, para acadar a participación necesaria que permita garantir o labor asistencial dos centros sanitarios galegos que, cada día, precisan 500 doazóns para poder levar a cabo unha media diaria de 500 intervencións cirúrxicas, tres transplantes de órganos e tecidos e atender unhas 3.000 urxencias.
Ao iniciarse o Pleno, esta mañá, a presidenta da Cámara, Pilar Rojo, animou aos deputados e ao persoal da Cámara a participar nesta campaña de doazón de sangue.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina