O escudo de Galicia foi incorporado de xeito oficial pola Lei 5/1984 (Lei dos símbolos de Galicia), que describe a súa composición e regula o seu uso na Comunidade Autónoma. Figura incluído na bandeira autonómica no centro da insignia, sobre a banda azul que a atravesa dende o ángulo superior esquerdo ata o inferior dereito. Consta dun cálice de ouro cunha hostia de prata, acompañado de sete cruces recortadas do mesmo metal, tres a cada lado e unha no centro. Logo aparece o timbre, coroa real, forrada de vermello. É un círculo de ouro engastado de pedras preciosas, composto de oito floróns de follas de acanto, de cada unha delas saen cinco diademas cheas de perlas que converxen nun mundo azul, co semimeridiano e o ecuador de ouro, sumado de cruz de ouro.
Por disposición legal, o escudo de Galicia deberá figurar nas bandeiras ás que se refire o artigo 5 da Lei de símbolos de Galicia, nas leis de Galicia que promulgue o presidente da Xunta de Galicia, nas placas das fachadas de locais da Administración autonómica, nos cuños en seco e de lacre da Comunidade Autónoma, nos títulos acreditativos de condecoracións galegas, nos documentos, impresos, cuños e cabeceiras de uso oficial da Comunidade, así como nos diplomas e títulos.
Cores do escudo:
- Azur: Azul 270,0 50,0 40,0
- Gules: Vermella 30,0 65,0 37,0
- Sinople: Verde 160,0 41,0 31,0
- Prata: Prata 255,0 3,0 72,0
- Ouro: Ouro 85,0 35,0 60,0