27/02/2024
Santiago, 27 de febreiro de 2024.- O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía un pleno infantil organizado coa colaboración de Aldeas Infantiles SOS baixo o título “Deputados por un día", no que participou alumnado de primaria de catro centros públicos da Comunidade: O Mosteirón (Sada) Gregorio Sanz (Ribadeo), Padrenda Crespos (Padrenda) e Pazos de Reis (Tui).
O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, subliñou que a Cámara galega se sente honrada coa celebración de actividades deste tipo que poñen de manifesto a “capacidade de traballo" dos máis novos, dos que destacou cualidades como a “empatía, o traballo colaborativo, a oratoria ou a capacidade de análise". Agradeceu o traballo diario do profesorado e a súa implicación para o desenvolvemento de actividades deste tipo.
Conciencia ambiental
Santalices felicitouse da “gran conciencia ambiental dos máis novos, unha excelente noticia nun momento decisivo para a humanidade, na medida en que o cambio climático se ten convertido nun dos principais retos aos que debemos facer fronte, tanto no plano individual como colectivo".
Logo de escoitar as intervencións do alumnado e coñecer as propostas máis votadas, o presidente do Parlamento considerou que o mundo do futuro será “un lugar máis habitable, máis respectuoso co medio ambiente e tamén máis solidario".
Abundando nesta idea, enfatizou que “somos un país solidario", como quedou acreditado coa resposta social derivada da traxedia rexistrada en Valencia en datas recentes.
Na súa intervención, o titular do Lexislativo galego amosuse convencido de que “temos canteira", tamén no ámbito parlamentario, garantindo a continuidade da democracia. “Canto máis vos esforcedes nos estudos, maiores serán as garantías de éxito no futuro, tanto profesionais como persoais", aseverou.
O Pleno infantil contou tamén coas intervencións da conselleira de Política Social e Xuventude da Xunta, Fabiola García; e do presidente de Aldeas Infantiles SOS España, Pedro Puig. Asistiron, ademais, a vicepresidenta da Deputación Permanente, Elena Candia; deputadas dos tres grupos da Cámara e mailo director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.