saltar ao contido

O Parlamento de Galicia expón en Ferrol unha selección da súa colección de arte para expresar “o compromiso co conxunto do territorio"

03/03/2023

 

  • A mostra “A Nosa Arte" percorrerá as grandes cidades galegas

 

  • Santalices reitera que “as institucións estáticas, inmóbiles e pechadas son cousa do pasado"

 

Santiago, 2 de marzo de 2023.- O Parlamento de Galicia inaugurou esta tarde, na sede Afundación de Ferrol, a exposición A Nosa Arte, conformada por unha escolma  de 35 obras da colección artística da Cámara autonómica.

 

No acto inaugural, o titular do Lexislativo galego recordou que a colección de arte do Parlamento está integrada por máis de 300 pezas a maioría en propiedade, aínda que tamén conta con obras cedidas, que “pertencen á totalidade das galegas e galegos".

 

Abrir as institucións

 

Santalices explicou que así como as deputadas e deputados desenvolven parte do seu traballo nas circunscricións electorais polas que resultaron elixidos, “tamén a institución parlamentaria está obrigada a buscar o contacto coa xente". Amosouse convencido de que “as institucións estáticas, inmóbiles e pechadas son cousa do pasado. Peor nos irá canto máis tardemos en decatarnos e actuar en consecuencia".

 

Nesta filosofía enmarcou a organización desta exposición itinerante, a primeira destas características integrada en exclusiva por pezas da Cámara. Xa se amosou en Vigo e, despois de Ferrol visitará Ourense, cidade á que seguirán as restantes grandes  urbes galegas, rotando trimestralmente.  

 

A itinerancia da exposición “responde e fai visible o compromiso da primeira institución de Galicia co conxunto do territorio aos que serve, sexa no litoral ou no interior, na mariña ou na montaña, no urbano ou no rural, unha realidade poliédrica que temos a obriga de ter presente, respectando sempre a súa diversidade", afirmou Santalices Vieira.

 

Agradecemento

 

O presidente do Parlamento tivo palabras de agradecemento para a Xunta de Galicia, que colabora na organización desta mostra en virtude dun convenio asinado en maio deste ano;  e para Afundación, que cede as súas sedes nas cidades galegas, como fixera anteriormente con outras actividades impulsadas pola Cámara.

 

Agradeceu o traballo da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, que colaborou na catalogación e musealización da colección e o seguirá a facer emitindo informe previo e vinculante  en relación coa adquisición de calquera nova obra de arte por parte  do Parlamento. O comisariado da mostra corre a cargo da Real Academia de Belas Artes a través de tres dos seus académicos: María Victoria Carballo-Calero, Felipe-Senén López Gómez e José Carlos Valle Pérez.

 

A xuízo de Santalices, “a Galicia contemporánea, e a nosa autonomía" son tributarias da Xeración Nós, polo seu exemplo e inspiración. Na súa opinión, “un século despois, as e os artistas galegos acreditan, pola vía dos feitos, co seu traballo, que son dignos sucesores daqueles mestres que inzaron Galicia de talento, de orgullo, de espírito de superación e dun cosmopolitismo que tanto precisabamos".

 

O acto contou tamén coas intervencións do director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar; María Victoria Carballo-Calero, en representación dos comisarios; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, e o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez González.

 

A exposición inaugurada esta tarde en Ferrol poderá visitarse ata o vindeiro 20 de maio na sede Afundación (Praza da Constitución, s/n), de luns a venres (excepto festivos) de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 20,00 h. Os sábados, as visitas serán de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 19,00 h.

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina