saltar ao contido

Santalices recomenda un “esforzo didáctico” para reforzar a confianza social na institucións

Toma de posesión de tres conselleiros do Consello de Contas 01/02/2022

 
• O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá a toma de posesión de tres conselleiros do Consello de Contas de Galicia: Anxo Ramón Calvo Silvosa, Tomás Pérez Vidal e José Antonio Redondo López
 
• “Por riba dunha ou doutra sigla está o interese supremo e definitivo de Galicia, e con ese obxectivo veñen de ser investidos”, afirma Santalices
 
Santiago, 1 de febreiro de 2022.- O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá o acto de toma de posesión de Anxo Ramón Calvo Silvosa, Tomás Pérez Vidal e José Antonio Redondo López como conselleiros do Consello de Contas de Galicia.
 
No acto, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recordou que “o conxunto das institucións, e as persoas que formamos parte delas, estamos especialmente obrigados a afianzar a recuperación da confianza social”. Trátase, a xuízo de Santalices, dunha tarefa  “imprescindible, pero tamén posible, a partir do traballo individual e colectivo  que, entre outras medidas, esixe un esforzo en materia de didáctica e de transparencia; sempre, como é natural, desde un exercicio honesto da xestión pública e cun escrupuloso acatamento ao marco normativo que entre todos nos temos outorgado”.
 
Como exemplo da necesidade dese esforzo didáctico, o presidente do Parlamento sinalou que moi poucos cidadáns coñecen que a xestión económico-financeira dos recursos públicos está sometida a unha dobre fiscalización: previa, por parte dos servizos de intervención das distintas administracións; e posterior, a través dos órganos de control externo, como o Consello de Contas ou o Tribunal de Cuentas.
 
Por iso, “se cadra, tamén desde o Consello de Contas, debemos esforzarnos aínda máis en dar a coñecer o seu traballo para que a cidadanía sexa consciente de que os seus impostos están a bo recaudo e se xestionan sempre con rigor e con arreglo á lei, sen atallos de ningún tipo. Como debe ser”.
 
Interese Xeral
 
Subliñou o presidente do Parlamento que os tres conselleiros  do Consello de Contas que hoxe tomaron posesión “asumen a obriga de velar polo interese xeral con independencia da súa procedencia ou militancias pretéritas, porque por riba dunha ou doutra sigla está o interese supremo e definitivo de Galicia, e con ese obxectivo veñen de ser investidos”.
 
O titular do Lexislativo autonómico admitiu que tanto a política como as institucións, “e non só en España” atravesan un momento de “convulsión”, aínda que esta situación  é “moito menos acentuada en Galicia, se cadra polo sentidiño que nos caracteriza nas diferentes ordes da vida; non hai máis que comparar a composición e o xeito de actuar deste Parlamento coa composición e o día a día doutras cámaras da contorna”.
 
Comparecencia previa
 
Os conselleiros do Consello de Contas que hoxe tomaron posesión compareceron o pasado 2 de decembro ante a Comisión 1ª, Institucional, de Administración xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia, que determinou a idoneidade dos mesmos  para o desempeño das novas responsabilidades, tal e como esixe a normativa reguladora do Consello de Contas.
 
O acto, celebrado no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia contou coa asistencia do presidente da Xunta e os membros da Mesa da Cámara, entre outras autoridades.
 
Saúdos, Gabinete de comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina