saltar ao contido

Santalices anima a “preservar e fortalecer as institucións autonómicas galegas” como fonte de progreso, estabilidade e benestar

Conmemoración 18/10/2021

 
• Na inauguración dunha xornada sobre os 40 anos de autonomía que se celebra na EGAP, o presidente do Parlamento recorda que “Constitución e Estatuto constitúen os alicerces do noso autogoberno”

Santiago, 18 de outubro de 2021.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, inaugurou esta mañá na Escola Galega de Administración Pública a xornada “Galicia. 40 anos de autonomía (1981-2021)”, na que tamén se rendeu homenaxe a Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda da Xunta recentemente falecido.
 
Santalices Vieira sinalou que xornadas como a que hoxe se inaugurou  resultan necesarias para  reivindicar a historia da autonomía galega, “unha historia de éxito, que é o resultado dun traballo colectivo, longamente arelado polos nosos devanceiros”.
 
Transición modélica
 
Recordou que  a Constitución española de 1978 e o Estatuto de Autonomía de 1981 “constitúen os alicerces do noso autogoberno”, ao tempo que reivindicou a vixencia da transición española a democracia. Foi unha transición “modélica, admirada e inspiradora para moitos, dentro e fóra das nosas fronteiras”, afirmou.
 
Para o presidente do Parlamento de Galicia, nestas catro décadas “Galicia exerceu a súa autonomía con responsabilidade, con sentidiño; con plena lealdade institucional aos poderes do Estado; con vocación de integración en Europa, cos países irmáns de Iberoamérica; e tamén coa lusofonía, que é unha das nosas prolongacións naturais”.
 
Santalices concluíu que “a autonomía galega é forte e está plenamente consolidada, mais non por iso debemos baixar a garda”. Por iso, “todos, cada quen desde a súa responsabilidade, desde as lexítimas diferenzas, estamos chamados a perseverar no esencial: preservar e fortalecer as institucións autonómicas galegas, que tanto progreso, estabilidade e benestar teñen proporcionado –e deben seguir proporcionando- ao noso pobo”.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina