saltar ao contido

O Parlamento de Galicia amplía o aforo do Hemiciclo, pero sen rebasar o 75% da súa capacidade

Presencialidade 24/09/2021

 
• Poderán asistir aos Plenos a totalidade dos deputados e deputadas, pero limítase a presenza de público para preservar o 75% do aforo, de acordo coas normas das autoridades sanitarias logo da última reunión do Comité Clínico
 
• A capacidade total do Hemiciclo (escanos, tribuna de público e prensa) ascende a 230 prazas, aínda que nesta fase só se prevé ocupar 134
 
Santiago, 24 de setembro de 2021.-  O Parlamento de Galicia recuperará, a partir da sesión da vindeira semana, a presencialidade das 75 deputadas e deputados, pero sen rebasar o 75% da capacidade total do hemiciclo, cifrada en 230 persoas. Así se acordou esta mañá nunha reunión do presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, cos portavoces dos grupos parlamentarios e  membros da Mesa.
 
A decisión foi adoptada logo de efectuar unha consulta específica ao Comité Clínico e no marco das medidas ditadas despois da reunión do referido Comité celebrada o pasado 21 de setembro, que limitan o número de asistentes a diferentes actos ao 75% do aforo dos recintos.  Mantense a obriga de seguir respectando medidas de seguridade como o uso de máscara e a separación dos escanos por mampara.
 
Co acordo adoptado hoxe, poderán asistir presencialmente aos plenos os 75 deputados e deputadas, 2 letrados e 3 uxieres. A presenza de público limitarase a 39 persoas (a tribuna ten capacidade para 110 convidados), ao tempo que se permite o acceso de 15 xornalistas (capacidade para 20). Séguese recomendando efectuar o seguimento informativo das sesións desde as salas habilitadas a tal efecto.  Esta limitación na parte superior do Hemiciclo busca manter a distancia social en ausencia de mamparas. Ocuparanse, deste xeito, un máximo de 134 prazas na totalidade do Hemiciclo.
 
Nas restantes dependencias e órganos do Parlamento de Galicia manteranse as mesmas medidas de prevención da covid-19 que se viñan aplicando ata o de agora, sen prexuízo de que no futuro se podan ir axustando ás normas que vaian ditando as autoridades sanitarias.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina