saltar ao contido

O presidente do Parlamento subliña a “condición de visionaria” e a “capacidade de análise” de Emilia Pardo Bazán

Presentación libro 16/09/2021

 
• Santalices participou na presentación do volume “A educación do home e da muller e outros escritos galeguistas”, coeditado pola Real Academia Galega e polo Parlamento de Galicia co gallo do centenario do pasamento da homenaxeada

Santiago, 16 de setembro de 2021.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta mañá, na sede coruñesa da Real Academia Galega, na presentación do volume “A educación do home e da muller e outros escritos feministas”, de Emilia Pardo Bazán.
 
O libro, coeditado pola Real Academia Galega e polo Parlamento de Galicia, inclúe un dos máis notables ensaios feministas da autora, canda outros sete artigos de temática análoga, escolmados pola académica Marilar Alexandre e traducidos ao galego por Mónica Bar Cendón. Esta iniciativa editorial enmárcase na conmemoración do primeiro centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán, mentres que a presentación se efectúa no aniversario do nacemento da autora, o 16 de setembro de 1851.
 
Santalices agradeceu á Real Academia Galega e ao seu presidente, Víctor Fernández Freixanes, a posibilidade de colaborar neste proxecto, que se enmarca no “compromiso inquebrantable do Parlamento coa cultura e coa lingua do país”.
 
Unha Galicia aberta a todas as sensibilidades e tendencias
 
Para o titular da Cámara galega, “nesta Galicia aberta, tolerante e integradora –tamén bilingüe- na que vivimos hai sitio para todas as sensibilidades e tendencias: de Pardo Bazán a Rosalía, de Curros a Valle Inclán, de Blanco Amor a Otero Pedrayo, de Cela a Cunqueiro, de Torrente Ballester a Castelao... e tantas e tantos outros que forman parte do noso rico e plural universo cultural”.
 
De Pardo Bazán, Santalices recordou que está considerada “a mellor novelista española do século XIX, avanzada ao seu tempo en case todo”, ao tempo que subliñou a súa “condición de visionaria e unha capacidade de análise fora do común”.
 
Perfil pioneiro
 
Sobre o volume presentado esta mañá, o presidente do Parlamento de Galicia apuntou que  permite redescubrir o “perfil absolutamente pioneiro dunha autora que, por fortuna, un século despois do seu falecemento, reaparece con toda a súa dimensión”.
 
Entre outros aspectos da autora, Santalices recordou  o seu “talento literario, a súa erudición, a súa condición de iconoclasta en moitos aspectos; defensora férrea dos dereitos da muller, cosmopolita e europeísta convencida”.

Condena da violencia machista
 
Na súa intervención, Santalices referiuse ao suceso rexistrado a pasada noite na Coruña, onde unha muller apareceu asasinada, presuntamente pola súa parella. Á espera de que se confirme oficialmente que se trata dun caso de violencia machista, o presidente do Parlamento reiterou a condena rotunda que lle merecen estes feitos e efectuou un chamamento á sociedade a manter unha actitude de alerta fronte a condutas sospeitosas.
 
Aproveitando a súa presenza na Coruña, o presidente do Parlamento participará na concentración de repulsa convocada polo Concello ás 13,30 h. na Praza de María Pita.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina