saltar ao contido

Campaña de prevención do melanoma no Parlamento de Galicia

xornada 26/06/2019

• A iniciativa enmárcase na campaña Euromelanoma, implantada en 33 países

Santiago, 26 de xuño de 2019.- O Parlamento de Galicia acolleu este mércores unha xornada orientada a concienciar á sociedade sobre a importancia da detección precoz do melanoma, un cancro cutáneo potencialmente moi agresivo cando non se detecta nas súas fases iniciais.
 
A xornada foi coordinada polo polo Dr. Hugo Alberto Vázquez Veiga, xefe do Servizo de Dermatoloxía da EOXI de Santiago. A iniciativa enmárcase na campaña Euromelanoma, impulsada por unha rede de dermatólogos europeos, iniciada en Bélxica en 1999 e impulsada entre outras sociedades científicas pola Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxia e as súas seccións  autonómicas e rexionais. Na actualidade está activa en 33 países para promover a prevención, diagnóstico precoz e tratamento do cancro cutáneo. Engloba actividades orientadas ao público en xeral, á comunidade científica e aos responsables políticos.
 
Deputadas e deputados, persoal da Cámara e xornalistas tiveron ocasión de someterse a unha revisión cutánea dentro do marco de prevención secundaria do melanoma e recibiron consellos relacionados coa prevención primaria deste cancro de pel, a fotoprotección, a principal ferramenta de protección fronte a gran maioría dos cancros de pel, dos que todos días morren dúas persoas en España.
 
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, e polo  conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, visitaron aos participantes nesta iniciativa.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina