saltar ao contido

Parlamento, Xunta e Museo do Pobo Galego patrocinarán unha exposición de artistas plásticos bávaros e galegos

Protocolo de colaboración 18/07/2018

 
• A mostra poderá visitarse no Museo do Pobo Galego ao longo do cuarto trimestre de 2018 e enmárcase nos intercambios que artistas de Galicia e Baviera protagonizan desde hai máis de dúas décadas
 
Santiago, 18 de xullo de 2018.- O Parlamento de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Museo do Pobo Galego patrocinarán conxuntamente unha exposición  que amosará, en Santiago, obras de artistas bávaros e galegos.

O acordo formalizouse esta mañá coa sinatura dun protocolo de colaboración asinado polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González; o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi González.
 
A mostra levará por título “Galicia-Baviera” e permitirá dar continuidade ao intercambio que artistas galegos e alemáns da rexión de Baviera veñen desenvolvendo desde hai máis de 20 anos.
 
A exposición estará aberta ao público no Museo do Pobo Galego, en Santiago, durante o cuarto trimestre de 2018. De xeito paralelo, as institucións asinantes do protocolo editarán un catálogo recompilatorio das obras expostas, ademais de organizar unhas xornadas de encontro nas que tomarán parte artistas galegos e bávaros. O responsable artístico a mostra será o pintor galego Antón Sobral Iglesias.
 
O presidente do Parlamento adiantou que impulsará a promoción desta mostra a través da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE), da que tamén forma parte Baviera. Logo de ser amosada en Santiago, a exposición viaxará a Alemania.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina