saltar ao contido

Santalices subliña o “papel insubstituíble dos Parlamentos” na sociedade actual

Conferencia 27/04/2017

. O titular da Cámara galega pronunciou a conferencia “Parlamento de Galicia, Medicina e Sociedade”, dentro do ciclo “Medicina e Humanidades”, organizado pola Asociación de Médicos Galegos en Madrid (Asomega)

. Pon en valor a lei de participacion cidadá do Parlamento de Galicia, a máis avanzada de España, segundo Santalices

. Destaca que o traspaso das competencias sanitarias á Comunidade Autónoma “constitúe un antes e un despois”, tanto para os pacientes como para os profesionais sanitarios
 
Santiago, 27 de abril de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, destacou hoxe o “papel insubstituible dos Parlamentos” na sociedade actual, malia os avances rexistrados coas novas ferramentas de comunicación.

Santalices así o manifestou esta tarde, na Casa de Galicia en Madrid, onde pronunciou a conferencia “Parlamento de Galicia, Medicina e Sociedade”, dentro do ciclo “Medicina e Humanidades”, organizado pola Asociación de Médicos Galegos en Madrid (Asomega), que preside o Dr. Julio Ancoechea, que presentou ao conferenciante. Interviu tamén ao comezo do acto o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega.
 
Participación cidadá

Para o titular da Cámara galega, os principais retos dos parlamentos residen en avanzar en transparencia e ofrecer ferramentas de participación á cidadanía. Afirmou que o Lexislativo autonómico deu un “paso de xigante” coa aprobación da lei de transparencia e coa lei de participación cidadá “máis avanzada de España”. “Este é, ao meu xuízo, o camiño a seguir”, enfatizou.

O presidente do Parlamento apuntou un segundo aspecto que non se debería perder de vista para reforzar o protagonismo das cámaras: a necesidade de que deputadas e deputados manteñan un contacto permanente coa rúa, coas persoas ás que representan.
 
A conferencia desta tarde responde a unha invitación de Asomega e enmárcase na aposta de Santalices por potenciar a apertura do Parlamento á sociedade. Nesta estratexia enmárcanse actividades como a xornada europea que se celebrará na sede do Lexislativo galego o vindeiro 5 de maio ou o programa de visitas guiadas ao Parlamento, nas que ademais de recibir explicacións sobre o funcionamento da Cámara, os visitantes poden coñecer a colección de arte galega contemporánea do Pazo do Hórreo.

Parlamento eficiente

Nunha intervención na que explicou en detalle a historia e o funcionamento da Cámara, Santalices destacou tamén que o Parlamento de Galicia se sitúa entre os máis baratos e eficientes do conxunto do Estado, pero é un dos máis laboriosos.

Asunción das competencias sanitarias

Centrándose no ámbito da medicina, outro dos piares da súa conferencia, Santalices enfatizou que a creación e posta en marcha do SERGAS “constitúe un antes e un despois para a sanidade galega”, tanto para os pacientes, para os que a asunción das competencias do antigo Insalud por parte da Xunta se traduciu nunha mellora da calidade e das prestacións asistenciais, como para os profesionais sanitarios, que teñen á súa disposición maiores medios e recursos.

En opinión do presidente do Parlamento, “a sanidade galega atópase entre as máis avanzadas do mundo”, como poñen de manifesto os balances asistenciais e de xestión divulgados coincidinco co 25 aniversario do SERGAS.
 
Xestión sanitaria

Da súa etapa como xestor sanitario (xerente de varios hospitais públicos), Santalices Vieira apuntou que a xestión amable non está reñida coa xestión eficiente, que o directivo debe ser coñecido por todo o cadro de persoal e que debe compartir información cos representantes sindicais.

Dedicación política

Sobre a actividade política, o presidente do Parlamento insistiu en que na medida en que se trata dunha actividade voluntaria, esixe dedicación en lugar de queixas por parte dos seus protagonistas. A quen comece en política recomenda especializarse nunha área concreta, prudencia nos debates, manter contacto permanente cos diferentes entidades asociativas e franqueza na relación cos medios de comunicación. “Mellor responder `non sei´ que sentenciar precipitadamente”.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina