• O presidente do Parlamento participou, no Centro Galego de Barcelona, na presentación do Cancioneiro Antropolóxico de Quiroga, Ribas do Sil e Montañas do Lor, obra de Xosé Lois Foxo
Santiago, 28 de xaneiro de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, destacou o “impagable labor de divulgación e recuperación do noso patrimonio inmaterial” que desenvolve Xosé Lois Foxo, autor, entre outras obras, do Cancioneiro Antropolóxico de Quiroga, Ribas do Sil e Montañas do Lor, presentado esta tarde no Centro Galego de Barcelona.
Trátase, en opinión de Santalices, dunha obra “verdadeiramente impresionante polo enorme traballo que implicou a súa elaboración e por toda a información que atesoura”.
O titular da Cámara autonómica considera que “Galicia precisaría moitas máis persoas coma el (Xosé Lois Foxo) para preservar do esquecemento, da súa desaparición definitiva, todo o patrimonio antropolóxico e cultural do noso pobo, moi especialmente o que reside na memoria dos nosos maiores. Con eles desaparecerá unha forma de vida pero, tamén, unha riqueza cultural irrecuperable”.
No mesmo acto, Santalices valorou a personalidade polifacética de Xosé Lois Foxo, da que destacou a súa condición de director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, “convertida xa, por méritos propios, nun dos principais sinais de identidade de Ourense e de Galicia”.
Lembranza para Fernando Amarelo
No mesmo acto, o presidente do Parlamento de Galicia tivo palabras de recordo para o recentemente falecido Fernando Amarelo de Castro, exdeputado e durante anos responsable da Xunta para as Relacións coas Comunidades Galegas no Exterior. “Cónstame que tamén aquí en Barcelona deixou bos amigos e por iso quero facer presente a súa memoria esta tarde”, afirmou Santallices Vieira.