saltar ao contido

Santalices agradece o traballo dos letrados parlamentarios

Presentación 27/07/2016

• Na presentación do Manual AELPA do parlamentario, o presidente da Cámara galega subliña o labor dos letrados parlamentarios como garantes da boa praxe
 
• O libro, coordinado polo letrado oficial maior do Parlamento de Galicia, foi elaborado por integrantes da Asociación Española de Letrados de Parlamento a modo de guía didáctica

Santiago, 27 de xullo de 2016.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recoñeceu e agradeceu hoxe o labor que desenvolven os letrados parlamentarios, prestando a apoio e asesoramento xurídico aos deputados e deputadas.
 
Santalices Vieira facía estas reflexións durante a presentación, esta mañá, en Santiago, do Manual AELPA do parlamentario, unha publicación coordinada polo letrado oficial maior do Parlamento de Galicia, Xosé Antón Sarmiento, e que conta coa participación de 34 autores, todos letrados e letradas dos 17 parlamentos autonómicos españois. A publicación está promovida pola Asociación Española de Letrados de Parlamento (AELPA) e configúrase como unha guía didáctica que, desde o rigor, explica o funcionamento das cámaras lexislativas.
 
O presidente do Lexislativo galego destacou o interese xesta obra, que, ao seu xuíxo pode resultar de especial utilidade para deputados e xornalistas, pero tamén para calquera persoa interesada no dereito parlamentario.
Considerou especialmente positivo que neste libro particicipen letrados dos 17 parlamentos autonómicos, feito que, ao seu entender, propicia unha maior coordinación entre as distintas cámaras.
 
Santalices Vieira puxo en valor o rigor dos contidos do libro, rigor que, ao seu xuízo, caracteriza o traballo cotiá  dos letrados parlamentarios.
 
Participación cidadá
 
O presidente da Cámara galega agradeceu tamén a colaboración dos servizos xurídicos para avanzar en materia de participación, convertendo á Cámara galega en pioneira nesta materia ao articular fórmulas para que, por exemplo, os cidadáns podan propoñer preguntas ao Goberno ou asinar proposicions non de lei de iniciativa popular.
 
Recordou, do mesmo xeito, que o Parlamento de Galicia é a Cámara que máis traballa de España, ao tempo que se atopa entre os máis eficientes do Estado.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina