14/11/2025
O Parlamento conmemora o 30 aniversario da Conferencia Mundial sobre as Mulleres en Beijing
Santiago, 14 de novembro de 2025. O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, sinalou esta mañá, no acto conmemorativo do 30 aniversario da IV Conferencia Mundial sobre as Mulleres en Beijing, que este fito «marcou nos anos seguintes, e aínda a día de hoxe, o devir das políticas a prol da igualdade de xénero», no que tiveron a oportunidade de participar nove deputadas da IV lexislatura.
Na súa intervención, Santalices quixo agradecer a María Xosé Ares, María Teresa Fernández, Pilar Pedrosa, María Fernanda Cerviño e Elisa Madarro, do Grupo Popular; María Xosé Porteiro e María Antonia Álvarez, do Grupo Socialista; e María Pilar García Negro e Olaia Fernández Davila, do Grupo do Bloque Nacionalista Galego, a súa proposta nesta conferencia internacional de elaborar unha Carta dos Dereitos das Mulleres.
Por outra banda, o titular do Lexislativo lembrou que a Cámara galega foi «pioneira» ao constituír en 1994 a Comisión para a Igualdade e para os Dereitos das Mulleres. Ademais, foi a primeira en aprobar por unanimidade a Declaración e Plataforma de Acción de Beijing, co obxectivo de levar a cabo medidas políticas prácticas. En canto a leis en materia de igualdade, no Parlamento aprobáronse a Lei para a igualdade de mulleres e homes e a Lei do traballo en igualdade de mulleres en Galicia, así como a Lei para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.
Santalices destacou que os avances na participación igualitaria que fortaleceron a nosa sociedade tamén se reflicten na actual composición do Parlamento, composta por 38 deputadas e 37 deputados, e na ampla maioría feminina que integra o máximo órgano reitor da Cámara: a Mesa de Parlamento.
Para o xefe do Lexislativo autonómico, «a igualdade é o único camiño para unha sociedade máis xusta», un compromiso que permite avanzar nos dereitos das mulleres e das nenas de todo o mundo para así lograr a igualdade real e plena.
A Declaración asinada e a Plataforma de Acción de Beijing supuxeron unha axenda, con visión de futuro, e o marco de políticas internacionais que permiten dirixirse cara a unha democracia na que as mulleres están representadas, toman decisións e os seus intereses son tidos en conta.
Logo de transcorridos trinta anos daquela declaración, que trouxo avances moi destacados para mulleres e nenas de todo o mundo, o presidente do Parlamento saliento que «ningunha democracia pode considerarse completa sen a participación e a acción das mulleres.»
Conversa Construíndo consensos: aprendizaxes de Beijing
O acto contou coa participación de catro mulleres referentes na política da época, en representación dos tres partidos que compoñían o Parlamento de Galicia en 1995: María José Ares Casal, exdeputada do PP; María Xosé Porteiro García, exdeputada do PSdeG-PSOE; Pilar García Negro, exdeputada do BNG; e Manuela López Besteiro, exconselleira de Igualdade.
Ao remate do acto, as portavoces suplentes do Grupo Popular e do Grupo do Bloque Nacionalista Galego, Paula Prado e Olalla Rodil, a deputada do Grupo Socialista Paloma Castro e o portavoz do Grupo Mixto, Armando Ojea, asinaron o manifesto De Beijing a Galicia: un compromiso que continúa en pé.
Saúdos, Gabinete de Comunicación