A exposición 40 anos de Autonomía de Galicia nas caricaturas de Siro é unha oportunidade para gozar dun percorrido visual pola historia política máis recente de Galicia a través da súa ollada particular. Por primeira vez exhíbense fóra do Parlamento parte das caricaturas que o artista doou xenerosamente e que agora compartimos con todos os galegos nunha selección dos momentos máis destacados nos que o lapis enxeñoso e irónico de Siro retratou a actualidade.
Cumprimos deste xeito, como xa fixemos antes coa exposición itinerante A Nosa Arte, co compromiso de achegar á cidadanía os fondos artísticos e culturais que custodia a Cámara galega. É para nós un orgullo contarmos con ese patrimonio que é de todas as galegas e galegos, e moito máis aínda difundírmolo e dármolo a coñecer seguindo o espírito aperturista e integrador do propio Parlamento.