saltar ao contido

Declaración Institucional do Parlamento de Galicia en relación co Día Internacional de Recordo das Vítimas do Holocausto

 
O 27 de xaneiro conmemórase un ano máis o Día Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto. A decisión de designar unha data que anualmente lembre as atrocidades dunha traxedia como a da Shoáh foi tomada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas un primeiro de novembro do 2005.
 
Despois de aprobar a resolución, a Secretaría Xeral das Nacións Unidas denominou este día especial como «un recordatorio fundamental das leccións do Holocausto, unha desgraza sen igual que non pode, simplemente, relegarse ao pasado e esquecerse». Os horrores da Segunda Guerra Mundial foron sen dúbida un catalizador para a creación das Nacións Unidas, e non podemos nin debemos esquecer que un dos mandatos fundamentais considerados na súa Carta son os dereitos humanos para todos, sen distinción de raza, sexo, idioma ou relixión.
 
Foi un 27 de xaneiro o escollido como Día Internacional para a Recordación do Holocausto, xa que tal día coma ese de 1945 o exército soviético liberou aquela porta do inferno que foi o campo de exterminio de Auschwitz-Birkenau.
 
Non é posible ollar cara a outro lado diante da traxedia sen igual do Holocausto. Desde o Parlamento de Galicia, como representantes do pobo galego, queremos e debemos lembrala. Porque lembrar é, tamén, unha salvagarda para o futuro, para que nunca máis á profunda perversión dos campos de exterminio, nunca máis á barbarie e á degradación dos seres humanos, nunca máis ás ideoloxías que só causan destrución e degradación moral.
 
Xa que logo, lembramos hoxe e por sempre:
 
Ás vítimas da Shoáh, aos seis millóns de xudeus de toda Europa que foron perseguidos e aniquilados nos campos de exterminio polo simple feito de seren xudeus.
 
Ao millón e medio de menores, que coa mesma crueldade foron asasinados.
 
Ás decenas de miles de persoas xitanas que correron igual sorte, baixo a delirante idea de non pertenceren a unha suposta raza superior.
 
Aos miles de demócratas asasinados por combateren a ideoloxía totalitaria enfrontándose aos designios criminais do III Reich.
 
Ás vítimas que conseguiron sobrevivir ao xenocidio, de quen aprendemos a súa lección de enteireza e de loita.
 
Aos que arriscando a súa propia existencia axudaron a salvar a vida doutras moitas persoas cuxo destino de morte os criminais xa previran.
 
E lembramos hoxe tamén de xeito especial, pola súa proximidade, aos galegos e ás galegas que sufriron o exilio e o exterminio nos campos do horror.
 
Por iso, manifestamos o noso máis firme compromiso cos dereitos inalienables da persoa, coa liberdade e co máis pleno respecto á dignidade humana, para que nunca xamais poida repetirse unha tolemia semellante á que agora recordamos.
 
O Parlamento de Galicia non escatimará esforzos en contribuír desde Galicia a construír unha orde internacional xusta baixo o respaldo da legalidade internacional, un mundo no que a forza fique sempre sometida ao dereito.
 
 
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2012

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina