saltar ao contido

Pilar Rojo: “Manuel Fraga deixa un inmenso legado e pasará á historia como un home de Estado”

 
Santiago, 16 de xaneiro de 2011.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, lamenta o falecemento do exdeputado e expresidente da Xunta Manuel Fraga.
 
Pilar Rojo apunta que o falecido foi un home de fondas conviccións éticas, sólida formación e vasta cultura, que será recordado polo seu inmenso amor a Galicia e a España, enmarcado nun espírito europeísta e unha permanente vocación de irmandade coa comunidade iberoamericana.
 
“Coñecido pola súa capacidade de traballo e polo entusiasmo co que se dedicou ás diferentes responsabilidades que lle tocou desenvolver ao longo da súa vida, tanto na política, como na diplomacia, no ensino ou na Administración Pública, Manuel Fraga deixa tras de si un inmenso legado”, afirma Rojo Noguera.
 
Home de Estado
 
A presidenta do Parlamento de Galicia agrega que “sexa polo seu protagonismo no despegue económico de España a partir do turismo, pola súa contribución á apertura do anterior réxime e ao asentamento da democracia, como ponente constitucional, fundador do Partido Popular ou presidente da Xunta que apostou polo desenvolvemento e consolidación das institucións de autogoberno de Galicia é o certo que Manuel Fraga pasará á historia como o que sempre foi, un Home de Estado”.
 
“No momento do seu pasamento, en nome propio e no do Parlamento de Galicia quero render homenaxe a quen foi presidente de Galicia durante catro lexislaturas. Descanse en paz”,  conclúe Rojo Noguera.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina