• Pilar Rojo agradece o encargo dos parlamentos rexionais europeos, que interpreta como unha mostra da confianza que inspira o modelo de desenvolvemento autonómico de Galicia
• É a primeira ocasión na que o Parlamento de Galicia asume un grupo de traballo no seo da CALRE
Santiago, 11 de xaneiro de 2012.- O Parlamento de Galicia coordinara a presidirá un grupo de traballo sobre “Modelos Institucionais Rexionais” no seo da Conferencia de Asembleas Lexislativas de Europa (CALRE), entidade integrada polos parlamentos de 74 rexións europeas con competencias lexislativas.
A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, asume o encargo das cámaras lexislativas rexionais europeas “coa satisfacción de que o modelo de desenvolvemento autonómico de Galicia inspira confianza en Europa e coa esperanza de fortalecer o apoio dos cidadáns aos modelos de autogoberno”.
A presidencia deste grupo de traballo da CALRE será a primeira experiencia deste tipo que acometa o Parlamento de Galicia nos seus trinta anos de historia.
Explicar a descentralización
Como primeira medida, Pilar Rojo asumirá a posta en marcha do proxecto denominado “Irmanamento dunha rexión”, impulsado pola CALRE en colaboración co Congreso de Poderes Locais e Rexionais do Consello de Europa. Con este proxecto, a CALRE pretende trasladar a experiencia dos países europeos máis descentralizados a rexións pertencentes a países europeos con estados centralizados.
Integrada polos parlamentos de 74 rexións europeas con competencias lexislativas, da CALRE forman parte os órganos lexislativos das comunidades autónomas españolas, consellos rexionais italianos, asambleas de rexións e comunidades belgas, os parlamentos dos länder alemáns e austríacos, o parlamento autónomo de Åland (Finlandia), as asambleas rexionais das illas Azores e Madeira (Portugal) e as de Escocia, Gales e Irlanda do Norte (Reino Unido). Son en suma, órganos de oitos países diferentes e representan a máis de 200 millóns de habitantes.
A CALRE apoia a Galicia para manter os fondos europeos
Na última reunión do Plenario da CALRE, celebrado en L´Aquila (Italia) o pasado mes de novembro, a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, logrou a aprobación dunha declaración reclamando o mantemento de axudas europeas transitorias para as rexións que, como Galicia, superen por vez primeira o 75% do PIB medio comunitario.
Esta iniciativa de Rojo Noguera enmárcase na estratexia que está a desenvolver Galicia para que a Comunidade poda manter fondos de transición máis aló de 2013, cando deixe de ser considerada rexión obxectivo converxencia.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.