saltar ao contido

Intervención do portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy Fraga, na Solemne sesión conmemorativa do XXX aniversario do Parlamento de Galicia

INTERVENCIÓN NO PLENO EXTRAORDINARIO
PARA CONMEMORAR O TRINTA ANIVERSARIO
DO PARLAMENTO GALEGO
Pedro Puy Fraga
(Portavoz do Grupo Parlamentario Popular)

Sra Presidenta, e ilustres membros da Mesa;
Sr. Presidente da Xunta, e ilustres membros do Goberno;
Expresidentes e expresidenta desta Cámara,
Expresidentes da Xunta de Galicia
Deputados e deputadas que o foron no pasado;
Señorías:

Os historiadores marcan o tránsito do Constitucionalismo antigo ao moderno, por usar a expresión do historiador americano Charles McIlwain, no final do século dezaoito e o inicio de século XIX. A diferencia entre o vello e o novo constitucionalismo reside en que este último inclúe a existencia de medios efectivos cos cales limitar e controlar o poder dun modo auténtico, e non meramente retórico. Unha diferencia que aparece reflectida á perfección no artigo XVI da Declaración dos Dereitos do Home aprobada pola Asemblea Nacional Constituinte francesa o 26 de agosto de 1789: “Unha sociedade na que a garantía dos dereitos non está asegurada, nin a separación de poderes definida, non ten Constitución”.
A democracia nace precisamente co paso desde o Parlamentarismo antigo, no que o Parlamento non é máis cunha figura decorativa ao servizo do primeiro maxistrado do Reino, o Rei, e que polo tanto está suxeito aos seus desexos  sen capacidade para exercer unha oposición real; ao Parlamentarismo moderno, no que estas asembleas, en palabras agora do historiador galego Faustino Martínez, “procuran ser algo máis, co propósito final de querer selo todo desde o punto de vista xurídico e político para servir o pobo, a súa auténtica razón de ser e fonte da súa autoridade”.
O novo deseño institucional baseado no fraccionamento do poder monolítico do absolutismo en tres instancias (executivo, lexislativo e xudicial) fixo que os Parlamentos se convertesen no poder central do sistema constitucional, un  poder xurdido dos rescoldos e cinzas da Revolución francesa. Un deseño institucional de filosofía liberal, no que o Parlamento é o instrumento ao servizo da liberdade, do home, dos seus dereitos, da nación e contra o poder, que se completa, agora ao calor das cinzas e rescoldos da Revolución americana, coa división horizontal do poder lexislativo, executivo e xudicial nunha organización multinivel das potestades públicas.
Non é por elo de estrañar que as primeiras formulacións políticas do galeguismo centrasen a súa demanda na constitución dunha asemblea lexislativa propia. Sexa esta  a “asemblea lexislativa galega” dotada de autonomía fiscal e financeira e plena capacidade lexislativa prevista no proxecto de Constitución de 1887 dos federalistas galegos; ou fora nas “cortes rexionais” representativas do poder rexional soberano para dictar as súas propias leis orgánicas e administrativas, proposta polo gran Brañas nos puntos cuarto e quinto do seu célebre Discurso sobre a crise económica pronunciado ante o Claustro da Universidade de Santiago de 1892. O caso é que todo o pensamento galeguista politicamente artellado demandou a existencia dun Parlamento galego. E ilo máis aló do contido específico das súas competencias, ou da súa forma de elección.
Foi por iso tamén que o Estatuto do 36 ao establecer a división de poderes rexional enumera, no seu artigo 5º, e como primeiro titular das atribucións recoñecidas a Galicia, a súa Asemblea Lexislativa.
E foi por iso tamén que nunha reacción descrita nas súas memorias por Ramón Piñeiro, un dos máis claros artífices da actual Galicia autonómica, como unha reacción “fundamentalmente emotiva, o plano no que –precisamente- Galicia estaba viva”; nesa convocatoria na que, agora en palabras doutro deputado da primeira lexislatura, Ceferino Díaz, “xuntos protestamos pola aldraxe e esiximos un novo Estatuto”;  foi por todo isto que o pobo galego se mobilizou o 4 de Nadal de 1979 fronte a prevista e finalmente esquecida Disposición derradeira 3ª que suxeitaba a capacidade lexislativa deste Parlamento galego á vontade das Cortes Xerais mesmo no seu propio ámbito competencial.
Foi así como a loita por manter íntegra a capacidade lexislativa deste Parlamento frustrou, en palabras agora de quen fora Secretario da Comisión redactora do Estatuto dos dezaseis, Francisco Puy, o “experimento de laboratorio no que ensaiar as fórmulas de diluír a autonomía galega, de modo que fronte aos modelos fortes de autonomía, que serían só a vasca e a catalana, a nosa marcase un patrón de autonomía feble que se aplicaría ao resto de España”.
Contémplannos hoxe, gracias aos esforzos narrados, trinta anos de vida do noso Parlamento, que é o mesmo que dicir trinta anos de autonomía política garantida pola Constitución democrática de 1978 e máis polo noso Estatuto de Autonomía. Trinta anos nos que, parafraseando a quen fora o primeiro presidente desta casa, Antonio Rosón, na sesión plenaria do 19 de decembro de 1981, o “imperativo fundamental da reivindicación dos nosos dereitos” foi substituído pola asunción da responsabilidade e polo traballo da súa realización, coa finalidade de despregar todo o potencial creador da Galicia autónoma, obviamente polo ben de todos os galegos e todas as galegas, que é o mesmo que manter o compromiso e o traballo por unha España diversa e concorrente na que teñan resonancia todas as melodías peninsulares.
A lexitimidade histórica, constitucional e estatutaria que conforman a lexitimidade orixinaria do Parlamento de Galicia, téñense completado, por elo, coa chamada lexitimidade do exercicio das potestades propias desta cámara.
Hoxe, o Parlamento exerce a súa función representativa primaria, o que o Profesor Recoder de Casso resume como “dar presencia visible á realidade invisible”, neste caso, desta fracción de Estado que é a autonomía. E somos, e é o Parlamento, a asemblea que converte a realidade plural dos galegos e galegas nunha unidade política organizada, guiando e condensando a vontade social neste órgano representativo.
Hoxe, o Parlamento de Galicia exerce tamén con plenitude a súa función orzamentaria, a máis primixenia de toda Cámara lexislativa, como proba a convocatoria que mañá atenderemos para a discusión, debate e aprobación dos Orzamentos para 2012.
Hoxe, o Parlamento de Galicia exerce con plenitude a súa función lexislativa, como o demostran os 35 proxectos de lei que ficarán aprobados ao remate deste período de sesións; ou as tres proposicións de lei e as dúas iniciativas lexislativas populares aprobadas tamén ao longo desta lexislatura.
Hoxe, o Parlamento de Galicia exerce a súa función de control e impulso ao goberno, como demostran as máis de 59.950 iniciativas rexistradas nesta lexislatura, un número que supera a suma das presentadas en todas as lexislaturas precedentes.
Hoxe, o Parlamento de Galicia é a Cámara lexislativa española que máis horas traballa e que máis comisións celebra. É a mellor homenaxe que lle podemos render aos que durante décadas dérono todo, mesmo a súa vida, pola instauración de institucións de autogoberno.
É certo que como toda obra humana o noso Parlamento, as nosas institucións, son susceptibles de perfeccionamento e de mellora.
É certo que deberíamos ser capaces de reformar o Regulamento da Cámara, para facilitar o traballo parlamentario e abrir novas canles de participación cidadán.
É certo que deberíamos ser máis coidadosos coa lexislación que tramitamos e aprobamos, para darlle ás leis o seu valor principal: a xeración de certidumes e seguridades xurídicas aos operadores sociais.
É certo que deberíamos ser capaces de avanzar na coordinación e na cooperación, tamén no ámbito lexislativo, coas Cortes de España e cos órganos lexislativos europeos que conforman o noso complexo institucional multinivel.
Todo elo é certo, mesmo que tamén deberíamos ser máis coidadosos no emprego dunha linguaxe que arela ser concorde cos principios da chamada cortesía parlamentaria. Mais compre, sempre, lembrar que é a existencia mesma dun parlamento democrático, desde que existe democracia, a proba máis evidente de pervivencia da democracia mesma.
Que deberíamos lembrar, como dicía o grande xurista a quen correspondeu presidir as primeiras Cortes democráticas de 1977, que a democracia, “en canto obra da vontade libre dos homes, é constitutivamente débil”. E que nesa debilidade “que significa razón e humanismo, atópase a súa forza, unha forza moral que exclúe todo absolutismo, ata o absolutismo da maioría”, como dixo Kelsen.
Que non deberíamos esquecer tampouco, como lembraba Hernández Gil nos convulsos tempos que sucederon ao golpe de Estado de 1981, que nestes tempos tamén convulsos de crise económica incomparable, nos que a cidadanía comprensiblemente perde a confianza nas súas institucións, que “os españois propendemos, quizás, a representármonos á democracia como algo que nos ha de ser dado na súa acabada perfección antes que como forma de vida”, cando “a democracia empeza e se afirma no traxecto cara ela, na participación cidadá, que non consiste só na resposta á consulta electoral ou no exercicio dos dereitos, senón tamén no traballo, na cooperación, e no senso da responsabilidade”
“Traballo, cooperación, senso da responsabilidade”. Termos que, case literalmente, reproduciu o quen era entón candidato e logo foi primeiro Presidente da Xunta de Galicia, Gerardo Fernández Albor, no seu discurso de investidura acollido polo incomparable marco do Pazo de Xelmírez hai hoxe xustamente trinta anos, marcando o que é o compromiso ao que todos os membros do Grupo Parlamentario Popular nos sentimos vencellados nestas tres décadas: “dedicar  a nosa voz nesta Cámara para convertela en promesa de traballo, garantía de unidade, afán de continuidade e solicitude de axuda a cantos coidan que, por enriba de ideas e estratexias políticas, existe unha realidade á que chamamos Galicia”.
Unha Galicia que ten institucións que, coma este Parlamento, asumen “como tarefa principal a defensa da súa identidade e dos seus intereses e a solidariedade entre todos cantos integran o pobo galego”, do que forma parte, hoxe e sempre, a Galicia da emigración.
Que así continúe a ser durante moitas décadas máis.
Dixen.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina