saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia en recordo das vítimas de violencia viaria


 
 
A celebración do Día mundial en recordo das vítimas en accidentes de tráfico, fixada pola ONU para o terceiro domingo de novembro de cada ano, leva ao Parlamento de Galicia a sumarse a esta conmemoración.
 
Lembramos aos afectados pola violencia viaria, trasladamos a nosa solidariedade ás súas familias e amosamos o noso apoio ás entidades que traballan neste ámbito.
 
Durante a última década acadouse unha notable reducción no número de sinistros, feridos e falecidos en Europa. Galicia, xunto co resto de España, é un dos territorios con mellores resultados, froito dunha política de seguridade viaria baseada no consenso e na responsabilidade compartida entre as administracións públicas e a sociedade civil, coa complicidade dos medios de comunicación.
 
Con todo, a cifra de 237 falecidos en accidentes de tráfico en Galicia durante 2010 segue a ser preocupante, posto que estes sinistros son evitables. E o obxectivo segue sendo o de CERO ACCIDENTES.
 
O Parlamento de Galicia anima aos diferentes Gobernos a seguir outorgando prioridade e buscar o consenso político en materia de seguridade viaria, sen esquecer as medidas de concienciación e de educación en valores cívicos, tendo en conta a preponderancia do factor humano na orixe da maior parte dos sinistros viarios.

 
Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2011

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina