saltar ao contido

Resolucións aprobadas no Pleno do Debate sobre política xeral

O Pleno do Parlamento de Galicia, na sesión do día 8 de abril de 2026 aprobou, no punto único da orde do día (Debate anual sobre política xeral, doc. núm. 54101, 12/DEBA-000002), as seguintes resolucións:

 

 

1.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno central para solicitar a cogobernanza dos fondos europeos asignados na actualidade a Galicia e a transparencia na súa execución e, de cara ao novo marco financeiro plurianual, a xestión da totalidade dos fondos consignados á nosa comunidade, mantendo os específicos para o desenvolvemento territorial e urbano cunha coordinación áxil entre niveis de goberno; ademais de elaborar unha estratexia dos proxectos susceptibles de recibir financiamento europeo no novo marco financeiro plurianual."

 

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados.

 

(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. do Bloque Nacionalista Galego verbo da proposta de resolución núm. 19 do G.P. Popular de Galicia)

 

 

2.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a continuar impulsando políticas activas de apoio para o mantemento e supervivencia do comercio local e de proximidade, cun compoñente social e a aplicación de medidas específicas en zonas rurais de baixa poboación ou perda de actividade económica, na procura de ofrecer non só o acceso a unha ampla variedade de produtos, senón coa posibilidade de acceder a outros servizos adicionais que poidan ser de interese para a poboación, contribuíndo ao asociacionismo en barrios e vilas do municipio."

 

Aprobada por 49 votos a favor, ningún en contra e 25 abstencións.

 

(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. Mixto verbo da proposta de resolución núm. 10 do G.P. Mixto)

 

 

3.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a reforzar as medidas de seguridade viaria nas contornas escolares, incluíndo melloras na sinalización, pasos de peóns e zonas de baixa velocidade."

 

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados.

 

 

(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. Mixto verbo da proposta de resolución núm. 19 do G.P. Mixto)

 

 

4.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a acondicionar de maneira integral as estradas autonómicas que atravesan núcleos urbanos con carácter previo á súa cesión definitiva aos concellos, sempre que quede garantido, por parte destes, o compromiso de aceptación da cesión da súa titularidade."

 

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados.

 

(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. Mixto verbo da proposta de resolución núm. 30 do G.P. Mixto)

 

 

5.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta a continuar co traballo desenvolto para crear a primeira aldea saudable e sustentable de Galicia en Salgueiro, no Xurés, e a continuar coa mellora constante que leva a cabo nos centros de interpretación ambiental, como é o caso dos situados nos parques naturais do Xurés e do Invernadoiro, co fin de revitalizar económica, ambiental e turisticamente os contornos naturais protexidos."

 

Aprobada por 49 votos a favor, 25 en contra e ningunha abstención.

 

(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. Mixto verbo da proposta de resolución núm. 39 do G.P. Mixto)

 

 

6.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a desenvolver a Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, promovendo as condicións para que a liberdade e a igualdade da cidadanía sexan reais e efectivas, ao tempo que garanta a equidade no proceso de selección para a dirección de entidades artísticas."

 

Aprobada por 49 votos a favor, ningún en contra e 25 abstencións.

 

(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. Socialista de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 36 do G.P. Socialista de Galicia)

 

 

7.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a reforzar o acceso territorial á atención médica especializada mediante o uso intensivo da telemedicina e tecnoloxías de consulta remota."

 

Aprobada por 40 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.

 

(proposta de resolución número 26 do G.P. Mixto).

 

 

8.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a garantir que todos os barrios urbanos densamente poboados conten con centros de saúde dimensionados segundo os estándares máis esixentes da comunidade."

 

Aprobada por 49 votos a favor, ningún en contra e 25 abstencións.

 

(proposta de resolución número 24 do G.P. Mixto).

 

 

9.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a executar un plan que garanta que o número de especialidades e o investimento sexa o mellor posible adaptado á demografía de cada área sanitaria."

 

Aprobada por 49 votos a favor, ningún en contra e 25 abstencións.

 

(proposta de resolución número 25 do G.P. Mixto).

 

 

10.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a garantir que a programación de eventos culturais da Administración e do Xacobeo non discrimine territorialmente ao interior de Galicia."

 

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados.

 

(Proposta de resolución núm. 40 do G.P. Mixto).

 

 

11.ª  Resolución

 

“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a garantir de maneira inmediata a dotación suficiente de profesorado de apoio, incluíndo especialistas en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, así como persoal coidador e orientador, asegurando a cobertura estable e adecuada en todos os centros educativos públicos de Galicia en función das necesidades reais do alumnado."

 

Aprobada pola unanimidade das 73 deputadas e deputados.

 

(Proposta de resolución núm. 14 do G.P. Socialista de Galicia)

 

 

12.ª  Resolución

 

“O Parlamento galego insta a Xunta de Galiza a elaborar de xeito participado e presentar antes de rematar o ano 2026 un plan de xestión integral da auga que inclúa a planificación hidrolóxica, a protección dos ecosistemas acuáticos e a adaptación ao cambio climático; que impulse a xestión pública e mancomunada, así como a corresponsabilidade e participación cidadá; e que garanta o dereito humano á auga e ao saneamento con estándares mínimos de servizo en todo o territorio galego. Este plan incluirá un programa de investimentos conxuntos 2026-2032 por parte da Xunta, o Goberno central, as deputacións e os concellos, con planificación e priorización das actuacións e unha dotación mínima de 800 millóns de euros."

 

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados.

 

(Proposta de resolución núm. 31 do G.P. do Bloque Nacionalista Galego)

 

 

13.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a seguir reforzando a aposta estratéxica pola I+D+i como piar esencial para garantir un crecemento económico sustentable, a creación de emprego de calidade e a mellora continua dos servizos públicos, consolidando o investimento anual en innovación, o fortalecemento do sistema galego de ciencia baseado no talento investigador e na planificación estable, o apoio a investigadores de vangarda, a captación de fondos europeos para proxectos estratéxicos como a factoría de Intelixencia Artificial aplicada á investigación sanitaria, o desenvolvemento da tecnoloxía cuántica e a posta en valor do coñecemento ao servizo do progreso social, así como o impulso da nova Fundación Galtia como instrumento clave para a captación e retención de talento científico de alto nivel en Galicia."

 

Aprobada por 48 votos a favor, ningún en contra e 26 abstencións.

 

(Proposta de resolución núm. 10 do G.P. Popular de Galicia)

 

 

14.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a dirixirse ao Goberno de España para denunciar e corrixir aquelas decisións e inaccións que están a limitar o desenvolvemento industrial e enerxético de Galicia, nomeadamente a falta de execución dunha parte moi significativa dos fondos dos PERTE industriais chamados a transformar o tecido produtivo e que deberían ter sido descentralizados nas Comunidades Autónomas, o insuficiente apoio a infraestruturas enerxéticas estratéxicas como o gasoduto de hidróxeno A Coruña–Zamora, imprescindible para o despregamento do hidróxeno verde, e os criterios discrecionais de ampliación da rede eléctrica que están a impedir a implantación de proxectos industriais de grande envergadura nalgunhas zonas de Galicia."

 

Aprobada por 39 votos a favor, 9 en contra e 26 abstencións.

 

(Proposta de resolución núm. 15 do G.P. Popular de Galicia)

 

 

15.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno do Estado para que convoque con carácter urxente a Conferencia Sectorial de Vivenda e aprobe de maneira inmediata o Plan Estatal de Vivenda 2026–2030, evitando máis atrasos na súa aplicación efectiva, dotándoo da flexibilidade necesaria para adaptarse ás circunstancias específicas de cada territorio, incorporando programas específicos para a adquisición e urbanización de solo residencial, o impulso da promoción de vivenda protexida para venda e garantindo a participación real e efectiva das comunidades autónomas na súa definición e desenvolvemento. Do mesmo xeito, solicitarase a exención do IVE nas vivendas protexidas e a aplicación do IVE superreducido do 4 % á vivenda libre e á construción de vivendas destinadas ao alugueiro accesible cando cumpran criterios de prezo equiparables aos da vivenda protexida, como medidas necesarias para facilitar o acceso á vivenda e apoiar de forma efectiva o esforzo público en materia de política residencial."

 

Aprobada por 39 votos a favor, 25 en contra e 10 abstencións.

 

(Proposta de resolución núm. 24 do G.P. Popular de Galicia)

 

 

16.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a reforzar a súa presenza institucional en América do Sur mediante a apertura dunha nova sede en Bos Aires, como instrumento estratéxico para reforzar o vínculo coa maior colectividade galega no mundo, garantindo unha presenza institucional moderna, accesible e adaptada aos novos tempos que permita atender as demandas dos galegos e galegas no exterior, facilitar o retorno e a atracción do talento, promover os intereses económicos e empresariais da nosa comunidade e da internacionalización das nosas empresas no novo contexto de relacións entre Europa e o Mercosur e consolidar a proxección internacional de Galicia como destino turístico, cultural e de oportunidades, consolidando unha Galicia aberta, integradora e conectada co mundo."

 

Aprobada por 48 votos a favor, 25 en contra e unha abstención.

 

(Proposta de resolución núm. 34 do G.P. Popular de Galicia)

 

 

17.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a iniciar unha nova rolda de contactos con todos os grupos parlamentarios, no marco do proceso participativo que supón o Pacto pola lingua, e que permita renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega, abandonando calquera vía de confrontación e politización do proceso."

 

Aprobada por 49 votos a favor, 25 en contra e ningunha abstención.

 

(Proposta de resolución núm. 36 do G.P. Popular de Galicia)

 

 

18.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a seguir desenvolvendo iniciativas que contribúan á promoción internacional do Ano Santo Xacobeo 2027 e a dirixirse ao Goberno de España para que se sume a estes esforzos, intensificando a colaboración na organización e proxección internacional deste acontecemento. Así mesmo, deberá axilizar os trámites necesarios, tal e como fixo o Goberno galego, para que os eventos asociados ao Xacobeo 2027 e as empresas interesadas en patrocinalos poidan beneficiarse das desgravacións fiscais que permite a Lei, atendendo á relevancia cultural e turística deste acontecemento para Galicia e para o conxunto de España."

 

Aprobada por 73 votos a favor, ningún en contra e 1 abstención.

 

(Proposta de resolución núm. 1 do G.P. Popular de Galicia)

 

 

19.ª Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno Central para que garanta un trato xusto en transportes, establecendo un interlocutor directo coa Xunta en Renfe para información transparente sobre avarías e atrasos no AVE Galicia-Madrid; resolva as incidencias no eixo atlántico e media/longa distancia, recupere frecuencias suprimidas desde a pandemia e finalice o estudo para crear cercanías en Galicia; elabore un Plan Director completo e realista do Corredor Atlántico coa participación das CCAA e impulse o corredor de mercadorías ante a UE con fondos europeos;  impulse o AVE Vigo-Porto e a conexión alta velocidade Ferrol-Lugo (renovando e electrificando o treito);desbloquee o convenio ADIF para a estación intermodal de Ferrol; acelere o desdobramento dos 120 km en vía única Madrid-Galicia e o cambio a ancho internacional ata Santiago; renove e electrifique Ferrol-Ribadeo coa gratuidade dos servizos como en Asturias e Cantabria; e reformule o mapa concesional de autobuses adaptado á realidade galega mediante diálogo coa Xunta."

 

Aprobada por 73 votos a favor, ningún en contra e 1 abstención.

 

(Proposta de resolución núm. 2 do G.P. Popular de Galicia)

 

 

20.ª Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a seguir impulsando unha política industrial e enerxética ambiciosa e responsable, que combine o desenvolvemento económico coa loita contra o cambio climático, apostando polo avance das enerxías renovables -incluída a eólica terrestre, a eólica mariña plenamente compatible co aproveitamento dos recursos pesqueiros e novas tecnoloxías innovadoras como a undimotriz ou a hidráulica reversible-, e garantindo que o seu despregamento reverta en beneficios reais para a poboación dos territorios que acollen estas instalacións, mediante instrumentos pioneiros como os desenvolvidos pola sociedade Recursos de Galicia, co obxectivo de que as galegas e os galegos participen cada vez máis nos beneficios asociados ao aproveitamento dos recursos naturais, e se blinde o seu retorno social e económico para o conxunto do país.

 

Asemade, o Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a solicitar ao Goberno Central que se traspoña a Directiva 2023/2413, do Parlamento Europeo, que entrou en vigor o 20 de novembro de 2023, pola que se obriga aos estados membros a considerar de interese público superior a enerxía eólica ata que se acade a neutralidade climática e a que rectifique o visor que considera a práctica totalidade do territorio galego como sensible á implantación de proxectos eólicos."

 

Aprobada por 39 votos a favor, 34 en contra e 1 abstención.

 

(Proposta de resolución núm. 7 do G.P. Popular de Galicia)

 

 

21.ª Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a pór en marcha un procedemento común entre as Unidades de Inspección e Control de Saúde Laboral para a valoración de pacientes en situación de Incapacidade Temporal."

 

Aprobada por 39 votos a favor, 34 en contra e 1 abstención.

 

(Proposta de resolución núm. 28 do G.P. Popular de Galicia)

 

 

22.ª Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a pedir ao Goberno Central que presente dunha vez por todas o Plan Social polo Clima á Comisión Europea para poder optar ao financiamento do Fondo Social polo Clima e, así, evitar que se perda esta liña de apoio comunitaria que é clave para seguir reducindo emisións de CO2 e para que Galicia poida seguir estando á vangarda da acción climática."

 

Aprobada por 40 votos a favor, ningún en contra e 34 abstencións.

 

(Proposta de resolución núm. 8 do G.P. Popular de Galicia)

 

 

23.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para reclamar unha maior corresponsabilidade institucional nas políticas de apoio ás familias, contribuíndo de maneira estable e suficiente ao esforzo que Galicia vén realizando de forma sostida en materia de conciliación e atención á infancia, tanto mediante o cumprimento do compromiso reiteradamente anunciado de cofinanciar a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos —unha medida pioneira impulsada por Galicia que alivia de forma directa a carga económica das familias— como garantindo o mantemento íntegro do Plan Corresponsables nos termos nos que foi concibido, evitando recortes no seu financiamento que trasladan ás comunidades autónomas o custo da única política estatal neste ámbito e debilitan a eficacia das medidas destinadas a favorecer a conciliación e a corresponsabilidade."

 

Aprobada por 40 votos a favor, ningún en contra e 34 abstencións.

 

(Proposta de resolución núm. 13 do G.P. Popular de Galicia)

 

 

24.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a reforzar a súa política pública de atención ás persoas maiores baseada na planificación e na diversidade de recursos, combinando o impulso decidido á atención no fogar —mediante a ampliación do Bono Coidado para estender o apoio económico a un maior número de galegas e galegos que desexan permanecer na súa contorna— co desenvolvemento dunha rede pública de atención residencial, avanzando na construción das 24 novas residencias anunciadas, unha vez definidos os seus emprazamentos, para garantir unha resposta especializada, próxima e adaptada ás necesidades das persoas maiores que así o requiran, asegurando que cada persoa poida acceder ao modelo de coidado que mellor encaixe coa súa situación vital, co seu proxecto de vida e coa súa realidade familiar."

 

Aprobada por 39 votos a favor, 26 en contra e 10 abstencións.

 

(Proposta de resolución núm. 11 do G.P. Popular de Galicia)

 

 

25.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar impulsando unha política de vivenda ambiciosa avanzando de forma simultánea en máis obra pública en marcha, na redución da carga fiscal e da burocracia, no reforzo das axudas á rehabilitación e na posta en valor de espazos desaproveitados, como edificios inacabados ou locais comerciais, e adoptando medidas concretas que melloren o acceso á vivenda pública, como a elevación do limiar máximo de renda ata catro veces o IPREM e a reserva do 30 % das vivendas públicas en venda para persoas de entre 37 e 45 anos e o establecemento dunha bonificación do 100% do imposto de actos xurídicos documentados nas vivendas protexidas, avanzando con determinación na boa dirección para afrontar a crise da vivenda."

 

Aprobada por 39 votos a favor, 26 en contra e 10 abstencións.

 

(Proposta de resolución núm. 23 do G.P. Popular de Galicia)

 

 

26.ª Resolución

 

“O Parlamento de Galicia acorda manifestar o seu máximo rexeitamento aos reiterados intentos de inxerencia do Goberno de España no exercicio das competencias sobre o litoral asumidas pola Xunta de Galicia, especialmente nas tentativas de modificación do réxime xurídico das concesións no dominio público marítimo-terrestre realizadas sen respecto ao principio de xerarquía normativa e sen avaliación previa do seu impacto económico, social e laboral nas poboacións costeiras galegas, e insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España que priorice unha revisión ordenada e consensuada da Lei 22/1988, de Costas, e da Lei 2/2013, de protección e uso sostible do litoral, antes de adoptar cambios regulamentarios de gran calado, así como a convocar unha Conferencia Sectorial coas comunidades autónomas costeiras para garantir un verdadeiro proceso de cogobernanza que teña en conta a realidade específica de cada territorio."

 

Aprobada por 65 votos a favor, ningún en contra e 9 abstencións.

 

(Proposta de resolución núm. 6 do G.P. Popular de Galicia)

 

27.ª Resolución

 

“O Parlamento de Galicia acorda manifestar o seu rexeitamento ao trato dispensado polo Goberno de España a Galicia no ámbito da atención á dependencia e á discapacidade por negarse a asumir de maneira efectiva o financiamento do 50 % do custo do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia en Galicia, en condicións equiparables ao que se acordou co País Vasco e o recoñecemento das obrigas pendentes, así como polo recurso de inconstitucionalidade interposto contra as homologacións automáticas da discapacidade derivadas da dependencia impulsadas pola Xunta de Galicia e que teñen demostrado axilizar procedementos, reducir tempos de espera e mellorar a atención ás persoas dependentes."

 

Aprobada por 65 votos a favor, ningún en contra e 9 abstencións.

 

(Proposta de resolución núm. 12 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

28.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a pór en marcha unha liña de préstamos en condicións financeiras moi vantaxosas dirixida aos concellos de menos de 20.000 habitantes, coa finalidade de facilitar o acceso destes municipios aos programas europeos de desenvolvemento local que requiren cofinanciamento. Estes préstamos deberán permitir que os concellos que cumpran os requisitos para poder endebedarse poidan participar en proxectos estratéxicos financiados con fondos europeos, ampliando as súas oportunidades de investimento e contribuíndo ao desenvolvemento equilibrado do territorio."

 

Aprobada por 65 votos a favor, ningún en contra e 9 abstencións.

 

(Proposta de resolución núm. 17 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

29.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España que cumpra co seu deber constitucional de presentar ante ás Cortes Xerais o Proxecto de lei de Orzamentos Xerais do Estado e que, en calquera caso, actualice as entregas a conta automaticamente a 1 de xaneiro independientemente da aprobación das contas."

 

Aprobada por 40 votos a favor, 9 en contra e 25 abstencións.

 

(Proposta de resolución núm. 18 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

30.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego ao desenvolvemento dunha nova planificación da Estratexia Galicia Retorna unha vez rematada a actual, co fin de seguir a promover a chegada de persoas de alta cualificación académica e profesional á nosa comunidade, así como que solicite ao Goberno de España a que tome as medidas necesarias para contribuír a este obxectivo: contando co procedemento de homologación de títulos universitarios obtidos no exterior, dotando de financiación axeitada ás comunidades autónomas que realmente están desenvolvendo programas efectivos de retorno, mellorando os niveis de atención nos servizos consulares do Estado para axilizar os trámites ordinarios necesarios para o retorno, eliminando as desigualdades coas que a lexislación fiscal estatal grava aos emigrantes e aos retornados e Introducindo plans estatais específicos de acceso á vivenda para familias retornadas (tanto para a compra como para o alugueiro)."

 

Aprobada por 40 votos a favor, 9 en contra e 25 abstencións.

 

(Proposta de resolución núm. 33 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

31.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno central a que cumpra coas súas obrigas e permita a visita pública completa ao Pazo de Meirás, acometendo previamente as obras necesarias para garantir a seguridade das persoas e a conservación do inmoble. De xeito paralelo, solicitarase a súa transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento do futuro plan de usos, que recolla toda a historia que atinxe ao Pazo de Meirás, tanto a que abrangue o legado de Emilia Pardo Bazán como o proceso polo que se converteu en propiedade do ditador."

 

Aprobada por 40 votos a favor, 9 en contra e 25 abstencións.

 

(Proposta de resolución núm. 37 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

32.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para reafirmar o compromiso co principio de igualdade recollido na Constitución Española e no Estatuto de Autonomía de Galicia, cun diálogo multilateral no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira, para abordar, entre todas as comunidades, a reforma do sistema de financiamento autonómico, buscando unha repartición equitativa e xusta dos recursos, que preserve a autonomía fiscal, a solidariedade e o equilibrio interterritorial e que garanta que todos os cidadáns accedan en condicións de igualdade aos servizos públicos con independencia do territorio no que residan."

 

Aprobada por 40 votos a favor, 25 en contra e 9 abstencións.

 

(Proposta de resolución núm. 16 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

33.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta  á  Xunta de Galicia a seguir avanzando nas bonificacións fiscais dirixidas ás rendas medias e baixas e aos colectivos máis desfavorecidos, incluíndo nos Orzamentos de 2027 novas medidas de apoio fiscal a estes colectivos."

 

Aprobada por 40 votos a favor, 25 en contra e 9 abstencións.

 

(Proposta de resolución núm. 21 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

34.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a impulsar neste semestre unha reforma integral da Atención Primaria que adecúe as súas estruturas ao cambio demográfico que está a vivir Galicia e ás necesidades reais da poboación, co dobre obxectivo de liberar aos profesionais sanitarios de cargas burocráticas alleas ao valor clínico e de garantir axendas asistenciais que permitan unha atención máis humana e de maior calidade, limitando o número de pacientes por xornada ordinaria, mediante a creación dunha unidade específica para centralizar tarefas administrativas, a implantación dun novo modelo de xestión das axendas máis flexible e adaptado á realidade de cada centro e o reforzo da estrutura de gobernanza da Atención Primaria, incluída a creación dunha Dirección Xeral específica no Servizo Galego de Saúde que asegure a coordinación, o seguimento continuo e a correcta execución desta reforma en todo o territorio."

 

Aprobada por 40 votos a favor, 25 en contra e 9 abstencións.

 

(Proposta de resolución núm. 27 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

35.ª  Resolución

 

“O  Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que protexa o sector primario, defenda a aplicación inmediata das cláusulas de salvagarda no acordo de libre comercio entre a Unión Europea e Mercosur ante posibles ameazas e garanta e intensifique os controis de fronteira co fin de que os produtos agroalimentarios de terceiros países que pretendan comercializarse no mercado comunitario cumpran os mesmos estándares e garantías de calidade, sanidade e benestar animal que os esixidos na Unión Europea. Asemade, insta á Xunta de Galicia a que demande ao Goberno de España que manifeste publicamente o seu rexeitamento a calquera proposta que implique unha redución substancial dos fondos europeos destinados ao sector agrogandeiro e pequeiro no próximo Marco Financeiro Plurianual (2028-2034), que reclame unha nova Política Agraria Común (PAC) con recursos suficientes, diferenciados e que blinde non só as axudas directas, senón tamén os fondos de desenvolvemento rural e que propoña un financiamento adecuado que garanta os obxectivos da Política Pesqueira Común."

 

Aprobada por 40 votos a favor, 25 en contra e 9 abstencións.

 

(Proposta de resolución núm. 39 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

36.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia adopta como resolución ratificar o compromiso da sociedade galega cos principios democráticos, os dereitos humanos e a legalidade internacional,  e coa defensa do dialogo e da acción diplomática como ferramentas esenciais para a construción dunha paz internacional duradeira e pola democratización dos países sometidos a réximes ditatoriais. Manifestamos o rexeitamento do pobo galego aos conflitos armados que neste momento se están a producir en Oriente Medio e en Ucraína, así como noutros lugares, facendo un chamamento ás partes implicadas para alcanzar un alto o fogo, que propicie a volta inmediata á legalidade internacional. Asemade, o Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que traballe coordinadamente coa comunidade internacional, e especialmente coa Unión Europea, na procura dunha desescalada destes conflitos a través da acción diplomática e a dar cumprimento a Lei Orgánica da Defensa Nacional, que nos seus artigos 4.2 e 17 establece a obriga de solicitar a autorización previa do Congreso á participación das Forzas Armadas en misións fora do territorio nacional, así como en operacións no exterior que non estean directamente relacionadas coa defensa de España ou do interese nacional."

 

Aprobada por 40 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.

 

(Proposta de resolución núm. 3 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

37.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a seguir adoptando medidas para atraer e fidelizar profesionais sanitarios, especialmente nas áreas de atención primaria e pediatría. Así mesmo, continuarase mellorando o sistema de contratación do Servizo Galego de Saúde (Sergas), o que nos permitirá seguir avanzando na redución da temporalidade e na oferta de maior estabilidade laboral, favorecendo así a fidelización de profesionais médicos e de enfermaría. Asemade, a Xunta de Galicia reiteraralle ao Goberno de España a petición de que flexibilice os criterios de acreditación de prazas de formación sanitaria especializada para poder incrementar de maneira urxente o número de prazas de formación sanitaria especializada (MIR)."

 

Aprobada por 40 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.

 

(Proposta de resolución núm. 30 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

38.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para esixir á ministra de Sanidade a apertura inmediata dun proceso de negociación real e efectiva co colectivo médico para a modificación do Estatuto Marco, poñendo fin aos paros que están a afectar gravemente á asistencia sanitaria e que xa provocaron a suspensión de preto de 200.000 procesos asistenciais en Galicia, e para reclamarlle, así mesmo, a adopción de medidas urxentes para paliar o déficit estrutural de profesionais que sofre o Sistema Nacional de Saúde."

 

Aprobada por 40 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.

 

(Proposta de resolución núm. 31 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

39.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar desenvolvendo unha política forestal integral baseada na prevención, na ordenación e no aproveitamento sostible do monte, entendendo que a protección dos bosques pasa necesariamente por facilitar que as persoas poidan vivir no rural e do rural, reforzando os investimentos en limpeza e xestión forestal, apoiando o papel das comunidades de montes, eliminando trabas burocráticas ao aproveitamento forestal e dotando aos servizos de extinción dos medios humanos e materiais necesarios, así como a seguir impulsando o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) para chegar ao verán cos deberes feitos, e a reclamar ao Goberno de España un maior compromiso na loita contra os incendios forestais, incluída a autorización dunha base da Unidade Militar de Emerxencias en Galicia e o cumprimento efectivo do Pacto de Estado comprometido."

 

Aprobada por 40 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.

 

(Proposta de resolución núm. 38 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

40.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta a seguir a traballar para atenuar o impacto da baixada xeneralizada dos prezos do leite en orixe por parte das industrias, a continuar co plan de inspeccións e controis e a trasladar  ao organismo competente os indicios de incumprimento que se detecten. A maiores, demándase ao Goberno de España a modificación da Lei da Cadea Alimentaria (Lei 12/2013) para que sexa realmente efectiva, estableza un sistema de cálculo dos custos de produción e mellore a súa eficacia coa publicación dun índice trimestral; á vez que se considera necesario actualizar o Paquete Lácteo (Real decreto 95/2019) para garantir que os produtores cubran os seus custos de produción no caso de acumular máis de 3 meses consecutivos de perdas e que poidan rexeitar ofertas por razóns de prezo. Demándase tamén establecer a prórroga automática dos contratos en ausencia de acordo para evitar o desperdicio de leite, en consonancia coa Lei 1/2025 de Prevención das Perdas e o Desperdicio Alimentario."

 

Aprobada por 40 votos a favor, 34 en contra e ningunha abstención.

 

(Proposta de resolución núm.40 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

41.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia reafirma o recoñecemento ás vítimas do terrorismo de ETA -con 853 persoas asasinadas, entre elas 68 galegos, milleiros de feridos e numerosas familias marcadas para sempre polo sufrimento e pola inxustiza- por constituír todas elas un piar moral irrenunciable da democracia e garante a preservación activa da súa memoria, dignidade e xustiza, fronte a calquera intento de esquecemento ou branqueamento, rexeitando de forma rotunda o enaltecemento do terrorismo, as homenaxes aos seus autores e calquera forma de lexitimación política da violencia, así como calquera acordo político ou pacto institucional con formacións que non condenen expresa e inequivocamente o terrorismo, nin colaboren no esclarecemento dos crimes pendentes e na defensa efectiva dos valores constitucionais, reiterando a necesidade de establecer salvagardas eficaces que eviten a vitimización engadida derivada de humillacións ou ataques á imaxe das vítimas e instando ás administracións competentes a promover as modificacións lexislativas necesarias para que dentro do marco constitucional os condenados por terrorismo deban colaborar activamente no esclarecemento de todos os atentados dos que teñan coñecemento como condición para o acceso a beneficios penitenciarios."

 

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados.

 

(Proposta de resolución núm. 5 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

42.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para esixir un reforzo real e efectivo das políticas de protección das vítimas de violencia de xénero, comezando polo incremento do orzamento do novo Pacto de Estado contra a violencia de xénero, en coherencia co notable aumento das medidas que incorpora respecto do anterior, e reclamando o cumprimento dos compromisos pendentes do Pacto previo, entre eles a aprobación dunha lei integral contra a trata e a explotación de persoas, prometida hai máis dun ano, que garanta un marco xurídico sólido e unificado en todo o territorio e equipare a protección das vítimas de trata á das vítimas de violencia de xénero, tal e como xa se fai no marco do Plan Galego contra a Trata, así como para demandar que, no marco da nova licitación dos dispositivos de control telemático de afastamento para agresores, se garanta un sistema plenamente operativo e eficaz, con comunicación bidireccional inmediata entre as vítimas e o sistema COMETA e cobertura efectiva en todo o territorio, incluídas as zonas rurais e máis illadas, asegurando en todo momento a protección real e a seguridade das vítimas."

 

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados.

 

(Proposta de resolución núm. 14 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

43.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a seguir a reclamar ante o Goberno do Estado o rescate da concesión da AP-9 e a súa transferencia íntegra á Comunidade Autónoma de Galicia, co obxectivo de que esta infraestrutura estratéxica pase a ser xestionada desde Galicia e avance cara á súa progresiva gratuidade; a seguir a esixirlle transparencia e información completa sobre a situación da concesión da AP-9, incluíndo a documentación trasladada ás institucións europeas en relación coa prórroga da concesión;  e a que como Administración autonómica manteña as actuacións e iniciativas necesarias para defender os intereses dos usuarios da AP-9, denunciando o impacto das sucesivas subas das peaxes e promovendo medidas que permitan reducir o custo que soportan os cidadáns e os sectores produtivos e impulse, en colaboración cos sectores económicos e sociais afectados, as accións institucionais necesarias para defender unha AP-9 xestionada desde Galicia, acorde coa vontade maioritaria expresada polo Parlamento de Galicia."

 

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados.

 

(Proposta de resolución núm. 25 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

44.ª Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a reclamar ao Goberno de España un maior compromiso coa planificación, execución e financiamento das infraestruturas viarias de titularidade estatal na comunidade, co fin de garantir unha adecuada vertebración territorial, a mellora da mobilidade e a seguridade viaria e instarlle a acelerar a execución das principais autovías pendentes en Galicia: entre elas, a A-54 entre Santiago e Lugo, a A-56 entre Lugo e Ourense, a A-76 entre Ourense e Ponferrada e a A-74 na Mariña con garantías sobre a súa planificación e desenvolvemento efectivo; e a  demandar ao Estado a execución das actuacións pendentes nos accesos e infraestruturas viarias das principais cidades galegas, incluíndo os accesos á Coruña, a humanización da entrada da AP-9 en Vigo, a extensión do Orbital de Santiago (circunvalación norte), a Variante Norte de Ourense (Eirasvedras–Quintela) e o nó de Bombeiros en Pontevedra."

 

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados.

 

(Proposta de resolución núm. 26 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

45.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar a desenvolver os traballos de equipamento e formación do persoal do Centro de Protonterapia de Galicia co obxectivo de poñelo en servizo a finais de ano como  primeiro equipo destinado a esta tecnoloxía na península ibérica, reforzando o seu papel do Servizo Galego de Saúde como referente científico e sanitario no tratamento oncolóxico avanzado."

 

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados.

 

(Proposta de resolución núm. 29 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

46.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España a inmediata convocatoria dunha Comisión Mixta de transferencias que permita avanzar no traspaso das competencias demandadas polo Parlamento de Galicia no Debate Anual de Política Xeral do ano 2025, e que un ano despois continúan sendo inatendidas polo executivo central, nomeadamente, a transferencia da titularidade da AP-9 e o rescate da súa concesión, a xestión íntegra do ingreso mínimo vital, a xestión de competencias de aeródromos non considerados de interese xeral e a xestión  en materia de autorizacións iniciais de traballo a estranxeiros."

 

Aprobada por 49 votos a favor, ningún en contra e 25 abstencións.

 

(Proposta de resolución núm. 4 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

47.ª Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a reforzar a autoridade e a valorización do profesorado galego mediante o impulso de medidas no marco da Oficina de Apoio ao Profesorado, incluíndo actuacións de acompañamento, asesoramento e, de ser o caso, o establecemento de mecanismos concretos e sancionadores que contribúan a mellorar o clima de convivencia nos centros educativos.

 

Asemade, o Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a aprobar un Proxecto de lei de educación dixital que, no marco das medidas innovadoras impulsadas para afondar no uso responsable das tecnoloxías nas aulas, converta Galicia na primeira comunidade autónoma de España en regular os usos da intelixencia artificial no ámbito educativo e inclúa, ademais, a limitación do uso individual de dispositivos dixitais ata 5º de Educación Primaria."

 

Aprobada por 49 votos a favor, ningún en contra e 25 abstencións.

 

(Proposta de resolución núm. 9 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

48.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a fortalecer os cadros de persoal da Administración autonómica, aprobando a oferta pública de emprego do ano 2026 antes do remate do segundo trimestre para seguir coa redución da temporalidade e cunha eficaz prestación dos servizos públicos; e dirixirse ao Goberno central para pedir a eliminación das tasas de reposición."

 

Aprobada por 49 votos a favor, ningún en contra e 25 abstencións.

 

(Proposta de resolución núm. 20 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

49.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a fomentar o uso ético, responsable e transparente da intelixencia artificial na administración pública galega, co obxectivo de facilitar a relación da cidadanía coa Administración, mellorar os tempos de resposta e reforzar a seguridade dos procedementos, garantindo en todo momento a trazabilidade e o seguimento por parte dos usuarios do estado dos seus trámites administrativos."

 

Aprobada por 49 votos a favor, ningún en contra e 25 abstencións.

 

(Proposta de resolución núm. 22 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

50.ª Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar mellorando a asistencia sanitaria na nosa Comunidade, nomeadamente na área sanitaria de Ourense, completando a asistencia integral ao ictus coa radioloxía intervencionista e iniciando o proceso de implantación de electrofisioloxía clínica, para o que incrementará, con esta finalidade, os traballos no plan director do Complexo Hospitalario de Ourense."

 

Aprobada por 49 votos a favor, ningún en contra e 25 abstencións.

 

(Proposta de resolución núm. 32 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

51.ª  Resolución

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a esixir ao Goberno de España a transposición urxente da Directiva (UE) 2020/285, cumprindo coas obrigas derivadas do Dereito da Unión Europea relativas ao réxime especial de franquía do IVE para pequenas empresas e persoas traballadoras autónomas, aprobando ao mesmo tempo un réxime estatal, voluntario, claro e sinxelo de franquía do IVE para pequenos negocios e autónomos, que permita reducir cargas administrativas, mellorar a liquidez e favorecer o emprendemento e a continuidade das actividades económicas de menor dimensión."

 

Aprobada por 49 votos a favor, ningún en contra e 25 abstencións.

 

(Proposta de resolución núm. 35 do G.P. Popular de Galicia).

 

 

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2026

 

 

 

Miguel Ángel Santalices Vieira

Presidente​



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina