saltar ao contido

Santalices destaca o compromiso de Galicia a prol da igualdade nestes corenta e cinco anos de autogoberno

Santalices destaca o compromiso de Galicia a prol da igualdade nestes corenta e cinco anos de autogoberno

 

 

  • As nove deputadas que participaron na IV Conferencia Mundial da Muller celebrada en Beijing en 1995 e Manuela López Besteiro recibiron hoxe a Medalla do Parlamento 2026

 

  • «Marcou un fito que forma parte da nosa historia, un punto de partida para avanzarmos no compromiso da igualdade e nos dereitos de todas e de todos»

 

  • O presidente do Parlamento destaca o seu compromiso, esforzo e dignidade para situar as mulleres no centro de todas as políticas públicas

 

  • A Cámara autonómica foi pioneira ao se dotar en 1994 dunha Comisión para a Igualdade e a primeira en aprobar a axenda de Beijing

 

  • «A historia das máis de catro décadas de Autonomía é a historia dun éxito que deu paso a unha etapa de estabilidade e progreso»

 

 

 

 

Santiago, 6 de abril de 2026.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, destacou «o compromiso e a dignidade» das nove deputadas galegas que hai trinta anos participaron na IV Conferencia Mundial da Muller celebrada en Beijing, xunto co traballo desenvolvido na Cámara por Manuela López Besteiro, para avanzar na igualdade de xénero e situar as mulleres «no merecido centro de todas as políticas públicas». Todas elas foron distinguidas hoxe coa Medalla do Parlamento de Galicia 2026, nun acto no que se conmemoraron os corenta e cinco aos de vixencia do noso Estatuto.

 

Na súa intervención, Santalices recoñeceu o fito histórico que supuxo que as deputadas María Xosé Ares Casal, María Teresa Fernández Piñeiro, Pilar Pedrosa González de Castejón, María Fernanda Cerviño Villaverde e Elisa Madarro González, do Grupo Popular; María Xosé Porteiro García e María Antonia Álvarez Yáñez, do Grupo Socialista, e María Pilar García Negro e Olaia Fernández Davila, do Grupo do Bloque Nacionalista Galego, viaxasen ata Beijing para participaren nunha conferencia internacional que marcou posteriormente, e aínda na actualidade, «o devir das políticas a prol da igualdade de xénero».

 

Para o xefe do Lexislativo autonómico, a participación das nosas deputadas en Beijing «marcou un fito que forma parte da nosa historia, un punto de partida para avanzarmos no compromiso da igualdade e nos dereitos de todas e de todos», afirmou.

 

Salientou, ademais, o traballo da exconselleira Manuela López Besteiro, quen, como deputada da III Lexislatura, impulsou que por primeira vez se incluíse no organigrama do Goberno galego un departamento, con rango de dirección xeral, dedicado á promoción da igualdade a través de accións concretas. Desde este departamento desenvolvéronse programas de acción positiva para as mulleres galegas, como o fomento do emprendemento feminino, o asociacionismo, especialmente no rural, e accións de concienciación e loita contra a violencia de xénero.

 

O presidente da Cámara autonómica botou a vista atrás para destacar que hai trinta anos, cando as deputadas galegas levaron a Beijing o acordo unánime das forzas parlamentarias acadado na Comisión para a Igualdade desta Cámara, as mulleres só ocupaban o 16 por cento dos escanos no Pazo do Hórreo, cando hoxe son maioría.

 

Defendeu que todas elas son un exemplo de compromiso que para a pena ser tido en conta, polo seu esforzo para acadar «o consenso necesario na procura do ben común», deixando de lado as diferenzas ideolóxicas.

 

Santalices lembrou a determinación, a dignidade e o compromiso das deputadas galegas, que os levaron a participar cunha proposta específica para a elaboración dunha Carta dos dereitos das Mulleres que sería remitida a todas as institucións gobernamentais e públicas con responsabilidade na execución de políticas relativas á muller.

 

Con posterioridade, o 25 de outubro de 1995, o Parlamento galego ratificou por unanimidade o acordo da Comisión para a Igualdade relativo á Declaración Parlamentaria de Beijing, coa vontade de que se traducise en medidas cara a solucionar os problemas de discriminación e de exclusión social das mulleres. Deste xeito, Galicia converteuse na primeira comunidade en aprobar a axenda de Beijing, do mesmo modo que xa fora pioneira ao se dotar, en 1994, da Comisión para a Igualdade e para os dereitos das Mulleres.

 

Aniversario do Estatuto

 

Na conmemoración do 45  aniversario do Estatuto de Autonomía, o xefe do Lexislativo galego celebrou  a «plena madurez» desta norma básica, que «é −dixo− a historia dun éxito, dun punto de encontro que deu paso a unha etapa de estabilidade e de progreso».

 

Por outra banda, destacou que son a estabilidade política e social que caracterizan Galicia as que permiten que permaneza afastada das tensións e das polarizacións que condicionan outros escenarios xeográficos. «Se Galicia exerce unha autonomía plena −remarcou− é como consecuencia do Estatuto que hoxe conmemoramos».

 

Así mesmo, considerou obrigado lembrar, neste Ano Oteriano acordo por unanimidade de todos os grupos parlamentarios, a participación activa de Ramón Otero Pedrayo na campaña do plebiscito do Estatuto de Autonomía de 1936, que foi o xerme da nosa autonomía.

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación​



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina