saltar ao contido

Acordos aprobados na reunión da Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, celebrada o 27 de febreiro de 2026

A Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, na súa sesión do 27 de febreiro de 2026, adoptou os seguintes acordos:

Procedementos de control e impulso

Proposicións non de lei en Comisión

 

Aprobación sen modificacións

 

- 50180 (12/PNC-003896)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Viso Diéguez, Miguel Ángel e 8 máis

Sobre as medidas que a Xunta de Galicia debe demandar ao Goberno central ante as perdas provocadas no sector agrogandeiro galego pola recente sucesión de borrascas e chuvias persistentes

BOPG n.º 337f1, do 20.02.2026

 

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 15 votos a favor, 0 votos en contra e 2 abstencións.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que:

1.- Habilite, con carácter urxente, unha liña de axudas extraordinarias dirixida ás persoas agricultoras e gandeiras de Galicia afectadas polos danos provocados polo tren de borrascas e polas choivas persistentes das últimas semanas. Establecendo criterios de axuda proporcionais á intensidade dos danos, diferenciando rangos en función do grao de afectación de cultivos, gando, infraestruturas, maquinaria, sistemas de rega e camiños rurais.

E que complemente as indemnizacións derivadas dos seguros agrarios cando estes non cubran a totalidade dos danos sufridos, especialmente nos supostos de perdas severas, infra-aseguramento ou superación dos límites máximos de cobertura.

2.- Adopte medidas fiscais e financeiras complementarias, tales como reducións fiscais, aprazamentos ou bonificacións de cotizacións, co obxecto de aliviar a carga económica das explotacións afectadas e garantir a súa viabilidade a medio e longo prazo"

 

 

Aprobación con modificacións

 

- 38521 (12/PNC-003358)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Viso Diéguez, Miguel Ángel e 8 máis

Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central respecto da xestión da crise sanitaria provocada pola dermatose nodular contaxiosa no sector do gando vacún

BOPG n.º 283f1, do 12.11.2025

 

Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións por 10 votos a favor, 0 votos en contra e 7 abstencións.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a trasladar ao Goberno de España as seguintes demandas:

 

1.- Reclamar unha maior implicación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación na coordinación e liderado da xestión desta crise sanitaria, co fin de que todas as Comunidades Autónomas conten coa máxima información actualizada posible, á hora de sopesar as actuacións de prevención e vixilancia que fosen precisas en cada territorio, que por unha lóxica sanitaria e de non distorsión da normal actividade do sector, deberían ser actuacións consensuadas e homoxéneas.

2.- Tendo en conta que non se trata dunha zoonosis, e considerando que poderían tomarse medidas menos drásticas que as actualmente en vigor para controlar a enfermidade, ínstase a ese ministerio para expor ante a Unión Europea a posibilidade de modificar a categorización da Dermatosis Nodular Contaxiosa como categoría"A" na lista de enfermidades da Unión, evitándose os sacrificios masivos “in situ" dos animais das explotacións afectadas, e actuando na erradicación e control da enfermidade mediante o sacrificio dos animais afectados.

3.- Instar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a que propoña e articule xurídica e economicamente coa participación da Comisión Europea, as actuacións de investigación científica e técnica necesarias co fin de desenvolver unha vacina marcada para esta enfermidade, que permita a protección do gando bovino, evite a necesidade de sacrificios masivos nas explotacións que puidesen estar afectadas, así como posibilite o movemento habitual dos animais sen trabas comerciais para os animais vacinados, que se poderían diferenciar dunha maneira sinxela dos animais infectados naturalmente.

4.- Instar á Empresa Nacional de Seguros Agrarios (ENESA) a que inclúa no seu catálogo de cobertura de sinistros a Dermatosis Nodular Contaxiosa, establecendo uns valores de pago adecuados aos valores de mercado para os casos de bovinos mortos ou para os que se resolva o seu sacrificio obrigatorio pola autoridade competente.

5. Establecer un baremo de indemnización adecuado e actualizado de aplicación para os casos de sacrificio obrigatorio de animais ordenado polas autoridades sanitarias competentes en sanidade animal. Este baremo deberá corresponderse cos valores reais de mercado do gando bovino e ser de homoxénea aplicación en todas as Comunidades Autónomas, co fin de evitar distorsións rexionais nesta materia"​



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina