Santalices salienta a figura de Otero Pedrayo como vínculo do galeguismo coa cultura universal
Santiago, 13 de febreiro de 2026.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, sinalou hoxe a Otero Pedrayo «como figura clave que soubo vincular o galeguismo coa defensa dunha cultura universal desde a súa amada Trasalba».
Na presentación do libro Del Orense Antiguo y otras colaboraciones, que compila 162 artigos do galeguista ourensán publicados no xornal La Región, así como outras colaboracións e poemas, o presidente do Lexislativo dixo que «non estamos simplemente ante un libro de historia local ou unha escolma periodística, estamos ante o testamento vital dun home que amou cada pedra e cada sombra desta cidade».
Santalices lembrou na súa intervención que o pasado 17 de decembro o Parlamento de Galicia aprobou unha declaración institucional, coa unanimidade de todos os grupos políticos representados na Cámara, na que se consagra o ano 2026 como Ano Oteriano, para conmemorar o 50 aniversario do pasamento de don Ramón Otero Pedrayo e o centenario da súa mítica Guía de Galicia.
Para rematar, o presidente da Cámara galega tivo unhas palabras de agradecemento para La Región, a Editorial Galaxia, a Fundación Otero Pedrayo para todas as persoas involucradas por facer posible que esta publicación poida ver a luz.
Saúdos, Gabinete de Comunicación