A Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, na súa sesión do 29 de xaneiro de 2026, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 42516 (12/PNC-003550)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Trenor López, Gonzalo e 8 máis
Sobre a demanda dirixida á Xunta de Galicia co obxecto de que reclame ante a Unión Europea información verbo da xestión realizada por España do Fondo Social para o Clima
BOPG n.º 307f1, do 02.01.2026
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 9 votos a favor, 7 votos en contra e 0 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que insista ante Europa na reclamación de información sobre a xestión de España có Fondo Social polo Clima"
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 34808 (12/PNC-003047)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rodríguez Martínez, Roberto e 8 máis
Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno de España en relación co rescate da concesión da AP-9 e co expediente aberto pola Comisión Europea verbo desta autoestrada
BOPG n.º 263f1, do 01.10.2025
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 16 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España:
1º- Dar traslado de toda a documentación relativa ao expediente aberto pola Comisión Europea en relación coa AP-9 e das comunicacións mantidas pola administración do Estado con este obxecto
2º- Adoptar cantas iniciativas sexan precisas para facer efectivo o rescate da concesión da AP-9, por ser esta a alternativa máis vantaxosa para o interese público, e acordar a eliminación das peaxes"