Nazareth Cendán Gayoso toma posesión como deputada do Parlamento de Galicia
• Julio García Comesaña releva a Ethel Vázquez Mourelle na Secretaría do Parlamento
Santiago, 27 de xaneiro de 2026. O Pleno do Parlamento de Galicia acolleu esta mañá a toma de posesión de Nazareth Cendán Gayoso como deputada do Grupo Parlamentario Popular. A nova deputada da circunscrición da Coruña substitúe no seu escano a Ethel María Vázquez Mourelle.
Nazareth Cendán Gayoso é licenciada en Dereito pola Universidade da Coruña desde o ano 2007. Tamén se diplomou, pola mesma universidade, en Estudos Avanzados en Dereito Bancario no 2010.
Tras o seu paso polo sector bancario e a consultoría na materia de responsabilidade social corporativa (RSC), traballou como asesora na Consellería do Mar da Xunta de Galicia desde o ano 2017 ata a actualidade.
No eido político, foi concelleira do Partido Popular no Concello da Coruña desde 2019 ata 2023, alén de ser vicesecretaria de Organización do PP nesta cidade. Na actualidade, é a vicesecretaria de Acción Electoral.
Secretario do Parlamento
Por outra banda, Julio García Comesaña foi elixido secretario do Parlamento de Galicia, en substitución de Ethel María Vázquez Mourelle. O deputado do Grupo Popular é licenciado en Ciencias Físicas pola Universidade de Santiago de Compostela e está especializado en Radiofísica Hospitalaria.
Exerceu como xerente da Área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras ata setembro de 2019, cando pasou a ocupar a xerencia da Área sanitaria de Vigo. Foi conselleiro de Sanidade desde setembro de 2020 ata abril de 2024.
Saúdos, Gabinete de Comunicación