Santalices avoga pola cooperación para que os avances científicos cheguen ás persoas
Santiago, 23 de xaneiro de 2026. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, avogou hoxe, na inauguración do XI Simposio de Biopsia Líquida, pola colaboración entre o ámbito clínico, a investigación e as administracións públicas para que «os avances científicos se traduzan en melloras reais para a vida das persoas».
Neste sentido, o xefe do Lexislativo precisou que a biopsia líquida representa hoxe un dos avances máis relevantes no ámbito da medicina de precisión como un dos tratamentos máis eficaces e menos invasivos na detección precoz do cancro.
Na súa intervención, Santalices quixo, ademais, recoñecer o traballo e o esforzo que realiza a diario o persoal da sanidade pública de Galicia, «un sistema sanitario público sólido e de profesionais de enorme prestixio».
Finalmente, lembrou que este simposio «consolida Santiago como punto de encontro de referencia en biopsia líquida e oncoloxía de precisión», cunhas xornadas nas que participan expertos nacionais e internacionais que permiten o intercambio de ideas e seguir impulsando novas iniciativas ao servizo da saúde e do benestar da sociedade.
Saúdos, Gabinete de Comunicación