A Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, na súa sesión do 20 de xaneiro de 2026, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 42511 (12/PNC-003548)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
García González, Patricia e 8 máis
Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central respecto da implantación dos sistemas electrónicos de seguimento, notificación e trazabilidade exixidos no sector pesqueiro polo Regulamento (UE) 2023/2842
BOPG n.º 307f1, do 02.01.2026
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 11 votos a favor, 0 votos en contra e 5 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que:
1.- Detalle a situación real do sector pesqueiro respecto ao grao de implantación dos sistemas electrónicos de seguimento, notificación e trazabilidade esixidos polo Regulamento (UE) 2023/2842, identificando de maneira específica os segmentos da frota, especialmente a pesca costeira artesanal, que non están en condicións de cumprir as novas obrigas.
2.- Poña en marcha con carácter inmediato un programa de apoio específico, que inclúa financiamento para a adquisición de equipos electrónicos, formación e asistencia técnica, dirixido ás embarcacións de pequena eslora, garantindo que ningunha quede excluída por falta de medios económicos ou tecnolóxicos.
3.- Estableza un marco transitorio de aplicación que evite sancións ou penalizacións ao sector naqueles casos nos que os incumprimentos deriven da falta de planificación, da insuficiente adaptación administrativa ou da ausencia de medios tecnolóxicos imputables ao propio Goberno do Estado.
4.- Informe ás comunidades autónomas e ás Cortes Xerais, antes do 31 de xaneiro de 2026, do grao de execución do plan de aplicación do Regulamento e das medidas adoptadas para garantir que a pesca artesanal e o conxunto do sector poidan cumprir as novas obrigas sen risco para a continuidade da actividade.
5.- Defenda ante a Comisión Europea a necesidade de establecer períodos de adaptación razoables e medidas de flexibilidade para as frotas de pequena escala, particularmente en territorios como Galicia, onde a pesca artesanal ten un peso estrutural no tecido económico e social"
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 26634 (12/PNC-002500)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Fidalgo Iglesias, Miguel e 8 máis
Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe realizar ao Goberno central respecto da ampliación de exencions e de modificacións fiscais aos tripulantes españois de buques de bandeira española que traballan fóra das augas españolas
BOPG n.º 208f1, do 11.06.2025
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 16 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España a ampliar a exención tributaria do artigo 7.p da lei 35/2006, do 28 de novembro, do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e de modificación parcial das leis dos Impostos sobre Sociedades, sobre a Renda de non Residentes e sobre o Patrimonio aos tripulantes españois que traballen en buques de bandeira española que faenan fóra das augas españolas co fin último de estimular a substitución xeracional"