Declaración Institucional do Parlamento de Galicia co gallo do Día Mundial da Anafilaxe
Co gallo do Día Mundial da Anafilaxe, o Parlamento expresa o seu compromiso coa concienciación, a prevención e a protección da vida fronte a esta reacción alérxica grave, que se manifesta de forma súbita e que é potencialmente mortal.
A anafilaxe require unha actuación inmediata. Por este motivo, o Parlamento insta os poderes públicos a reforzar as políticas de información, formación e resposta ante as emerxencias alérxicas, especialmente no ámbito educativo.
Con especial atención aos colectivos máis vulnerables e, en particular, ás persoas menores de idade, o Parlamento salienta a importancia de garantir un medio seguro e ben preparado nos centros escolares, onde os nenos e nenas desenvolven unha gran parte da súa actividade cotiá.
Neste día, o Parlamento recoñece o labor das asociacións de pacientes, familias e profesionais sanitarios, e reafirma o seu compromiso de avanzar cara a unha sociedade máis consciente, segura, formada e solidaria fronte á anafilaxe.
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2025