Con ocasión da visita a Galicia de tres defensoras acollidas no programa Galicia Abriga, que ten o obxectivo de dar un espazo seguro a mulleres defensoras dos dereitos humanos que pertencen a organizacións e movementos sociais de países onde está presente a cooperación galega, e que teñen ameazada a súa integridade por motivo do seu labor, o Parlamento galego fai a seguinte declaración institucional:
O Parlamento galego manifesta o seu máis profundo respecto, apoio e solidariedade coas persoas defensoras de dereitos humanos, con aquelas que resisten nos seus territorios e coas que se ven forzadas a os abandonaren como medida de protección. Reafirma o seu compromiso coa consideración dos dereitos humanos individuais e colectivos tal e como foron recollidos nos instrumentos internacionais, como na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, neste o seu 80 aniversario, e na Declaración de Defensores e Defensoras dos Dereitos Humanos.
Entendendo que todos e todas temos, xunto ás organizacións sociais, responsabilidades na protección e no recoñecemento das persoas defensoras, facemos un especial chamado ás institucións públicas para o pleno cumprimento das súas obrigas neste eido. Así mesmo, rexeita os procesos de criminalización que, desde determinados sectores económicos e políticos, se articulan contra o labor pacífico destas persoas, cuxo traballo en defensa da vida conta co recoñecemento e a protección desta Cámara.
O Parlamento galego recoñece o valioso labor desenvolvido polos programas de protección temporal de defensores e defensoras de dereitos humanos, que actúan en coordinación coas institucións e coas organizacións sociais da cooperación e da solidariedade internacional. Tamén salienta o compromiso das ONG do Norte e do Sur global, así como da política galega de cooperación ao desenvolvemento, que cumpre máis de trinta anos promovendo redes e alianzas pola defensa dos dereitos humanos en todo o mundo.
Finalmente, o Parlamento de Galicia insta a Cooperación Galega a seguir fortalecendo a sociedade civil dos países socios e trasladará esta declaración institucional ao Goberno de Galicia, á valedora do pobo e ao Goberno de España, solicitando que, de acordo coas súas competencias, activen os mecanismos necesarios para garantir o pleno e libre exercicio dos dereitos humanos por parte das persoas defensoras en calquera país do mundo.
4 de novembro de 2025