Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 22 de outubro de 2025
4.1 415(12/PNP-000004)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Pazos Couñago, José Alberto e 8 máis
Sobre a proposta de resolución que se presenta en relación coa situación política e social no actual réxime de Nicolás Maduro en Venezuela
Publicación da iniciativa, 6, 05.04.2024
O texto aprobado é o seguinte:
1º- Expresar a satisfacción pola decisión de outorgar o Premio Nobel da Paz 2025 a María Corina Machado, en recoñecemento á súa incansable defensa da liberdade, da xustiza e dos dereitos fundamentais, así como polo seu compromiso cívico de loita a favor da democracia en Venezuela. 2º- Renovar o compromiso de Galicia coa liberdade, a xustiza e o Estado de Dereito, e expresar a confianza de que este galardón contribúa a abrir para Venezuela un horizonte de democracia, reconciliación e paz duradeira. 3º- Condenar enerxicamente o réxime de Nicolás Maduro polo encarceramento de centos de prisioneiros políticos que se encontran detidos en condicións que vulneran as regras mínimas de Nacións Unidas para o tratamento dos reclusos.
4º- Esixir a liberación inmediata e incondicional de todos os prisioneiros políticos e das persoas detidas arbitrariamente en Venezuela, así como o pleno restablecemento dos seus dereitos e liberdades.
5º- Instar á Xunta de Galicia a, a través do Goberno de España, demandar ao réxime de Nicolás Maduro a que poña fin á súa política de represión e aos seus ataques contra a sociedade civil e a oposición, como acreditan os informes de Nacións Unidas nos que se recollen as graves violacións contra os dereitos humanos en Venezuela.
6º- Instar á Xunta de Galicia a seguir desenvolvendo con total intensidade as medidas de apoio aos galegos residentes en Venezuela e ás entidades galegas presentes no país, ante a grave crise socio-económica que sofren.
7º- Instar á Xunta de Galicia a que se dirixa ao Goberno de España para que, en uso da súa competencia exclusiva en materia de relacións internacionais adopte as seguintes medidas:
a) Recoñecer a Edmundo González Urrutia como o lexítimo gañador das eleccións presidenciais do 28 de xullo de 2024 en Venezuela e, por tanto, como presidente electo e lexítimo de Venezuela.
b) Apoiar as medidas de presión e as sancións propostas pola Unión Europea contra o réxime venezolano -incluídos funcionarios de alto nivel, membros das forzas de seguridade, do Tribunal Supremo de Xustiza e ao propio Nicolás Maduro- ata tanto non se produza un proceso de apertura, liberalización e democratización das súas institucións
c) Reafirmar o firme compromiso de España co labor da Corte Penal Internacional como un mecanismo crave para a loita contra a impunidade e o mantemento da paz e seguridade internacionais. Continuar apoiando de maneira decidida as investigacións en curso da Fiscalía do TPI respectando plenamente a independencia do devandito órgano na toma de decisións sobre a emisión de ordes de arresto. Así mesmo, seguir colaborando activamente co TPI mediante a tramitación de peticións de cooperación xudicial internacional e outras accións que reforcen o alcance das súas investigacións.
d) Ofrecer todo o apoio necesario, tanto institucional como loxístico, desde a Embaixada, os Consulados e a Consellería Laboral de España en Venezuela, a toda a comunidade española, residente nese país.
e) Axudar de forma decidida, responsable e prioritaria aos cidadáns españois –e en particular aos galegos residentes en Venezuela– a través dunha dotación inmediata e suficiente de crédito para o programa de “Prestación por Razón de Necesidade (PRN) para emigrantes españois no exterior", lembrando que, segundo o propio Goberno de España, existen milleiros de solicitudes sen atender por falta de crédito. Así mesmo, debe garantir unha cobertura sanitaria adecuada e estable aos emigrantes máis maiores, beneficiarios das PRN, xa que se trata dunha obriga legal do Estado español."
4.2 24981(12/PNP-001982)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego Tabarés Pérez-Piñeiro, Iago e 2 máis
Sobre as accións que debe levar a cabo o Goberno galego relativas ao aumento da planta xudicial en Galicia, particularmente en materia de violencia sobre a muller, e ao incremento dos cadros de persoal no ámbito da xustiza
Publicación da iniciativa, 197f1, 14.05.2025
O texto aprobado é o seguinte:
O Parlamento insta a Xunta de Galiza a impulsar e/ou executar as actuacións necesarias para:
3.º- A creación de Seccións de Violencia sobre a Muller nos Tribunais de Instancia dos partidos xudiciais de Ourense, Lugo, Pontevedra, Ferrol e Santiago de Compostela, sen que supoña a eliminación de prazas das sección de instrución, nin a posterior extensión da súa xurisdición a outros partidos xudiciais.
4º- O incremento do cadro de persoal nos corpos de xestión, tramitación e auxilio xudicial, cando menos en correspondencia coas novas prazas xudiciais a crear."
4.3 32641(12/PNP-002414)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia Trenor López, Gonzalo e 8 máis
Sobre a demanda que debe dirixir a Xunta de Galicia ao Goberno de España en relación coa situación dos servizos ferroviarios en Galicia
Publicación da iniciativa, 247f3, 03.09.2025
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar do goberno de España:
1.-A posta en marcha das medidas urxentes necesarias para que non se volva repetir o caos ferroviario que se desata cada vez que se suspende o servizo ferroviario pola causa que sexa; tanto no referente aos medios a dispoñer, información ás persoas usuarias e comunicación e coordinación coas Administracións afectadas.
2.- Ao desbloqueo con carácter urxente de proxectos prioritarios retrasados e dos que non se teñen novas"