saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia con ocasión do Día Mundial da dor

 

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO PARLAMENTO DE GALICIA  CON OCASIÓN DO DÍA MUNDIAL DA DOR

 

Galicia é, con orgullo, unha terra pioneira no recoñecemento e na atención específica da dor. Un esforzo que debemos celebrar, pero que non podemos dar por rematado. Hoxe, a dor require unha visión máis ampla: unha estratexia transversal que impregne as políticas de educación, emprego e acción comunitaria.

 

Porque a dor non é só un síntoma, é unha experiencia que marca a vida dunha de cada tres persoas en Galicia. E hai quen a vive con maior vulnerabilidade: persoas neurodiverxentes, con trastornos psiquiátricos, con deterioración cognitiva ou discapacidade intelectual ou comunicativa, nenos e maiores. Para eles, a peregrinaxe polos servizos é frecuente e a solución, non obstante, é clara: tecer redes.

 

Ese é o eixo. Unha liña efectiva entre profesionais sanitarios, educativos, sociais e, por suposto, as asociacións de pacientes. Esta coordinación salva vidas e mellora a calidade de vida, pero require de algo fundamental: financiamento.

 

Por iso, o Parlamento de Galicia aposta decididamente polos programas especializados en dor, programas que son irmáns xemelgos da saúde mental.

 

Facemos un chamamento á sensibilidade. Converter a atención á dor nunha prioridade política non é un gasto, é un investimento en dignidade e benestar para toda a sociedade galega.

 

 

 

 

​ 



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina