A colección de arte do Parlamento chegará a máis concellos e os académicos contribuirán á súa difusión
Santiago, 9 de outubro de 2025. O presidente da Cámara autonómica Miguel Ángel Santalices Vieira anunciou esta tarde, na presentación da nova edición do libro Colección de arte do Parlamento de Galicia, que a institución dará un paso alén por achegar a máis concellos galegos a súa colección de arte a través da exposición itinerante A nosa arte.
Nesa mesma liña, tamén adiantou que os membros da Real Academia Galega de Belas Artes participarán na difusión da colección en centros educativos como institutos, universidades e centros especializados.
Ademais, explicou que a extensa colección de arte do Parlamento, na que se atopan os nomes de preto de cento cincuenta artistas, está conformada por máis de trescentas obras pictóricas e escultóricas fundamentalmente, pero tamén hai fotografías, documentos históricos, reposteiros, vidreiras ou medallas.
O presidente insistiu en que abrir o Parlamento cara a fóra para dar a coñecer as pezas a toda a cidadanía é «unha obriga e un obxectivo». Para iso, lembrou, non só se publica un novo catálogo actualizado, senón que tamén se deu un paso pioneiro nesa dirección grazas a unha exposición itinerante que foi percorrendo as grandes cidades, cunha escolma integrada en exclusiva por pezas da colección da Cámara, e que agora se estenderá a máis concellos.
Na súa intervención, Santalices agradeceulle á Afundación a súa colaboración no proxecto para acoller nas súas sedes a mostra itinerante do Parlamento. Tamén amosou o seu agradecemento á Real Academia Galega de Belas Artes pola súa participación no asesoramento, así como aos artistas, á institución, ás fundacións, aos deputados e ás deputadas, ao persoal da Cámara e a todos aqueles que, desde os seus momentos fundacionais, veñen coidando e protexendo a colección de arte do Parlamento.
Saúdos, Gabinete de Comunicación