Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 23 de setembro de 2025
6.1 32604 (12/PNP-002410)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Arias Rodríguez, Raquel e 14 máis
Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe dirixir ao Goberno central para que acolla os menores solicitantes de asilo, garanta o financiamento e realice unha repartición xusta
Publicación da iniciativa polo procedemento de urxencia, 247f3, 03.09.2025
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento galego acorda, como Resolución, manifestar a máis firme e rotunda condena do ataque que sufriron as instalacións do futuro centro de acollida de menores estranxeiros en Monforte de Lemos (Lugo), así como calquera acción de violencia, vandalismo ou intimidación contra persoas, entidades ou administracións que, como a Xunta de Galicia, traballan por garantir a súa integración e o seu benestar.
Asemade, o Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que se dirixa ao Goberno de España para:
1. Que cumpra de xeito inmediato a orde do Tribunal Supremo (TS) de acoller a 1.000 menores solicitantes de asilo que se atopan en Canarias.
2. Dotar ás Comunidades Autónomas da financiación necesaria para manter aos menores migrantes que xa foron distribuídos polo territorio e os que cheguen no futuro.
3. Abandonar a política de imposición sobre o reparto de menores que é inxusto e arbitrario que só beneficia aos seus socios parlamentarios".
6.4 33319 (12/PNP-002454)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Trenor López, Gonzalo e 14 máis
Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao
Goberno central en relación co impacto da anunciada reducción das operacións de Ryanair en Galicia e coa competitividade dos aeroportos galegos
Publicación da iniciativa polo procedemento de urxencia,
252f1, 10.09.2025
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a trasladar ao Goberno España as seguintes demandas:
1º- Convocar con carácter de urxencia por parte de AENA o Comité de Coordinación Aeroportuaria para analizar a repercusión da decisión de Ryanair de reducir a súa actividade en Galicia e buscar solucións ao prexuízo que esta situación causará aos galegos.
2º- Elaborar un plan estratéxico dos aeroportos de Santiago, A Coruña e Vigo, que asegure a súa operatividade, a súa viabilidade económica e unha oferta de servizos axeitada ás necesidades de mobilidade dos usuarios.
3º- Revisar as taxas aeroportuarias aplicadas por Aena co fin de favorecer a competitividade dos aeroportos galegos."
4º- Manifestar o seu apoio aos traballadores e traballadoras, obxecto do ERE anunciado por Ryanair para o persoal do aeroporto de Santiago de Compostela, por considerar o devandito ERE como totalmente inxustificado e realizar as xestións que sexan necesarias ante a compañía Ryanair para a súa retirada