A Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, na súa sesión do 17 de setembro de 2025, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 26909 (12/PNC-002537)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Prado del Río, Paula e 8 máis
Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe realizar ao Goberno central co fin de completar o cadro de persoal da Unidade de Policía Adscrita (UPA)
BOPG n.º 211f1, do 18.06.2025
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 10 votos a favor, 0 votos en contra e 7 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
«O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a reiterar ao Goberno de España a urxente necesidade de completar o cadro de persoal da Unidade de Policía Adscrita de Galicia (UPA) para que poida seguir prestando as súas funcións en termos de seguridade eficiencia e sen verse obrigados a renunciar a ningunha función e, nesa liña, lembrar que segue pendente o compromiso de reforzar o corpo en Galicia cun mínimo de 50 axentes.»
- 27278 (12/PNC-002569)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
García Comesaña, Julio e 7 máis
Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe dirixir ao Goberno de España relativas á planta xudicial en Galicia e ao número de xulgados de violencia contra a muller
BOPG n.º 211f1, do 18.06.2025
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 15 votos a favor, 0 votos en contra e 2 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
«O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia, a dirixirse ao Goberno de España para:
1.- Manter integramente a planta xudicial penal das cidades da Coruña e de Vigo, evitando a supresión dos Xulgados de Instrución nº 8 en ambas cidades, e mantendo todos os órganos instrutores actualmente existentes.
2.- Crear novos Xulgados de Violencia sobre a Muller nas cidades da Coruña e Vigo, como órganos adicionais e específicos, sen que iso supoña a transformación nin eliminación de xulgados de instrución.
3.- Planificar a planta xudicial de Galicia de forma rigorosa, transparente e dialogada coa Xunta de Galicia, atendendo a informes técnicos, datos de carga de traballo e criterios de equilibrio territorial.
4.- Garantir unha resposta eficaz, especializada e suficiente fronte á violencia de xénero, reforzando os medios materiais e humanos sen deteriorar o funcionamento doutros órganos xurisdicionais fundamentais.»
Aprobación con modificacións
- 31840 (12/PNC-002795)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Tabarés Pérez-Piñeiro, Iago e Insua Lema, Óscar
Sobre as medidas e as actuacións que debe pór en marcha o Goberno galego co fin de mellorar as condicións das profesionais e dos profesionais que atenden o servizo de xustiza gratuíta
BOPG n.º 244, do 28.08.2025
Sométese a votación por puntos.
Aliñas a), b) e c): resultan rexeitadas por 8 votos a favor, 9 votos en contra e 0 abstencións.
Aliña d): resulta aprobada pola unanimidade dos 17 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
«O Parlamento insta a Xunta de Galiza a solicitar ao Goberno do Estado a regulación do Estatuto da profesional da avogacía e procuradoría que prestan o servizo público de asistencia xurídica gratuíta e a quenda de oficio.»
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 27155 (12/PNC-002551)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Taibo Corsanego, Iria e Tabarés Pérez-Piñeiro, Iago
Sobre a demanda ao Goberno galego da elaboración e a remisión ao Parlamento de Galicia dun informe relativo ao cumprimento dos obxectivos da Lei Valentín Paz-Andrade
BOPG n.º 211f1, do 18.06.2025
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 17 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
«O Parlamento insta o goberno galego a cumprir o artigo 5.º da Lei Valentín Paz-Andrade, elaborando un informe sobre o cumprimento dos obxectivos da Lei e remitíndoo ao Parlamento Galego.»