saltar ao contido

Santalices destaca o compromiso do grupo Sarabela Teatro co galego no XLI Premio Celanova, Casa dos Poetas

Santalices destaca o compromiso do grupo Sarabela Teatro co galego no XLI Premio Celanova, Casa dos Poetas

 

 

  • O presidente do Parlamento sinalou o labor de promoción, defensa e conservación da lingua a través das artes escénicas da compañía teatral ourensá, premiada este ano

 

 

Santiago, 7 de setembro de 2025.- O presidente da Cámara autonómica, Miguel Ángel Santalices Vieira, celebrou hoxe o firme compromiso «coa lingua galega, non só enriba dos escenarios, tamén nas escolas de teatro» do grupo Sarabela Teatro, galardoado este ano co XLI Premio Celanova, Casa dos Poetas.

 

Para o xefe do Lexislativo autonómico, a entrega deste premio supón un recoñecemento e un orgullo non só para os profesionais das artes escénicas, senón tamén «para os que nacemos, nos criamos e pensamos en galego».

 

Na súa intervención, Santalices quixo agradecerlle a Ánxeles Cuña, impulsora e directora da compañía teatral que comezou a súa traxectoria en 1980, o seu entusiasmo e a súa constancia por seguir apostando por empregar a lingua galega «cando, en tempos máis arriscados, escoitar actores ou actrices interpretar en galego era pouco común».

 

Por outra banda, lembrou que Celanova é o berce dalgunhas das máis senlleiras figuras da cultura galega, como Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro ou Méndez Ferrín, que «fan desta terra un fértil viveiro de manifestacións artísticas».

 

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación

​ 



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina