A exposición 40 anos de Autonomía de Galicia nas caricaturas de Siro viaxa ata Lugo
Santiago, 4 de setembro de 2025. O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, agradeceu hoxe en Lugo, durante a inauguración da exposición 40 anos de Autonomía de Galicia nas caricaturas de Siro, que o autor ampliase recentemente a doazón da súa obra á Cámara galega con 1.273 novas caricaturas, coas cales o número total se achega aos tres mil debuxos.
A exposición integra unha escolma dos debuxos doados polo artista e que foron publicados no xornal La Voz de Galicia case a diario durante máis de vinte anos.
Na súa intervención, o xefe do Lexislativo autonómico destacou a creatividade, a ironía e a retranca con que Siro López comentaba a diario a actualidade política, converténdose nun artista multidisciplinar con estilo propio e unha ampla traxectoria no ámbito da caricatura xornalística.
Exposición
A mostra, realizada en colaboración entre o Parlamento de Galicia, La Voz de Galicia e Afundación, reúne unha selección de 230 viñetas nas que se fai un percorrido por diferentes etapas transcendentais da historia política galega e os seus protagonistas, xunto coas páxinas do xornal no que apareceron publicadas.
A exposición quedará aberta ao público na Sede de Afundación de Lugo ata o vindeiro 11 de outubro, de luns a venres, en horario de 9 a 14 horas e de 17.30 a 20.30 horas, e os sábados de 11 a 14 horas e de 17 a 19 horas.
Saúdos, Gabinete de Comunicación