saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 9 de xullo de 2025

Proposicións non de lei en Pleno

 

Aprobación sen modificacións

 

- 27778 (12/PNP-002253)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Prado del Río, Paula e catorce deputados/as máis

Sobre a proposta de resolución que se presenta co fin de rexeitar os comportamentos que se están a producir desde o Goberno de España ante a investigación por corrupción que afecta o PSOE e as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao executivo central ao respecto

BOPG nº 214f1, do 25.06.2025

 

Sométese a votación e resulta aprobada, sen modificacións, por 37 votos a favor, 34 votos en contra e ningunha abstención.

 

O texto aprobado é o seguinte:

«O Parlamento de Galicia acorda como resolución:

1º. Amosar o seu rexeitamento expreso á corrupción instalada no seo do PSOE, no Goberno de España e no contorno persoal e político máis próximo ao presidente Pedro Sánchez.

2º. Condenar as acusacións realizadas polos membros do Goberno de España e os seus socios atacando a Xustiza e xornalistas que están destapando as tramas de corrupción que rodean a Pedro Sánchez.

3º. Reclamar a inmediata depuración de responsabilidades políticas derivadas dos casos de corrupción coñecidos nas últimas datas, o que debe levar os socios do PSOE nas distintas institucións á revisión dos acordos de goberno ou de apoio político.

Así mesmo, ínstase á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que, de xeito urxente, adopte as medidas necesarias para garantir a colaboración activa con todas as instancias xudiciais, parlamentarias e administrativas que investigan posibles irregularidades na súa xestión, así como solicitar desde o Goberno galego ao presidente do Goberno de España a disolución das Cortes e a inmediata convocatoria das eleccións xerais para permitir que os españois, a través do seu voto, abran un novo tempo político.»

 

Aprobación por unanimidade con modificacións

 

- 27318 (12/PNP-002206)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Verea Fraiz, Borja e oito deputados/as máis

Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe dirixir ao Goberno de España co fin de que este apoie a declaración do Xacobeo de 2027 como evento excepcional de interese público (EEIP)

BOPG nº 211f1, do 18.06.2025

 

Sométese a votación e resulta aprobada, con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 71 deputados e deputadas presentes

 

O texto aprobado é o seguinte:

«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a solicitar ao Goberno de España que apoie a solicitude unánime do Parlamento de Galicia de conceder, canto antes, ao Xacobeo de 2027 a declaración como evento de excepcional interese público (EEIP), que conta xa coa aprobación da Comisión Executiva do Consello Xacobeo e co visto e prace do Ministerio de Cultura. Na mesma liña, instarase o Goberno central para un maior e firme apoio económico ante o próximo “lustro Xacobeo 2027-2032", co fin de ter unha maior presenza nacional e internacional que sirva, como os xacobeos anteriores, para o reforzo turístico da marca España e da marca Galicia.


​E insta a Xunta a:

a) Deseñar un mapa territorial por toda a xeografía galega que chegue ao máximo número de concellos e cando menos a todas as comarcas galegas.

b) Facer unha distribución equitativa e igualitaria das actuación de maior impacto por todo o territorio.

c) Que o acceso aos distintos eventos sexa en igualdade de condicións.»



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina