A Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, na súa sesión do 27 de xuño de 2025, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 26271 (12/PNC-002447)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Viso Diéguez, Miguel Ángel e 8 máis
Sobre a demanda dirixida ao Goberno galego para que impulse medidas de consolidación da nosa comunidade como potencia produtora e comercializadora de organismos para a loita biolóxica
BOPG n.º 203f1, do 28.05.2025
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 17 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a impulsar a nosa comunidade como referente na loita biolóxica contra o Psílido Africano dos cítricos en particular e, por extensión, como rexión produtora e comercializadora de axentes invertebrados de control biolóxico en xeral.
Así mesmo, o Parlamento insta a Xunta de Galicia a reforzar a capacidade pública de diagnóstico, seguemento e resposta fronte a pragas vexetais dotadas cos medios suficientes, introducindo unha liña de investigación CIAM-LAFIGA en fitopatoloxía, a actualización da cartografía de pragas de corentena e non corentena con maior impacto agrario en Galicia, así como a incorporación de criterios de coordinación con outras administracións e centros científicos públicos que xa contan con experiencia avanzada na produción de axentes de control biolóxico como o parasitoide Tamarixia dryi, en liña coas actuacións promovidas pola Xunta no marco da proposición non de lei aprobada neste Parlamento en 2021."
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 26275 (12/PNC-002448)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Viso Diéguez, Miguel Ángel e 13 máis
Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central co obxecto de que este desenvolva un marco fiscal máis equitativo e xusto para a actividade silvícola
BOPG n.º 203f1, do 28.05.2025
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 17 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España a adoptar as seguintes medidas:
1º.- Maior flexibilidade fiscal no IRPF e no imposto de Sociedades que permita unha mellora da xestión forestal en España.
2º- O desenvolvemento dun plan sectorial contable para o sector forestal que permita acadar o resultado contable da actividade forestal ao real, de xeito que se tribute de forma máis xusta e de acordo coa capacidade de renda xerada, tal como establece a Constitución Española."