Declaración Institucional do Parlamento de Galicia sobre a saúde renal
A enfermidade renal crónica (ERC) é un problema de saúde pública de crecente importancia en Galicia, en España e no mundo, pois afecta un número cada vez maior de cidadáns e cidadás. Estímase que aproximadamente unha persoa de cada sete galegas e galegos padece algún grao de ERC, e son máis de catro mil as que requiren tratamento renal substitutivo (diálise ou transplante) na nosa comunidade. A natureza silenciosa e progresiva da ERC fai que a detección temperá desta doenza sexa crucial para previr as comorbilidades asociadas á enfermidade renal e á progresión desta a estadios máis graves, resultando tamén nunha mellora da calidade de vida.
Consciente da importancia da saúde renal e do impacto da ERC na poboación, o Parlamento de Galicia declara:
1. Compromiso coa prevención: Promover campañas anuais de concienciación e educación sobre a saúde renal, dirixidas á poboación xeral e aos grupos de risco. Para tal efecto, o Día Mundial do Ril, en marzo de cada ano, podería ser o eixo central de cada campaña.
2. Prevención e detección temperá: A saúde renal non só impacta na progresión da enfermidade renal, senón tamén na saúde doutros órganos do sistema cardiovascular. De aí que sexa importante e crucial o seu tratamento precoz para previr estas complicacións e para retardar a progresión da enfermidade.
3. Apoio social e acceso a tratamentos de modo individual: O apoio psicosocial e laboral ás persoas con ERC e ás terapias renais substitutivas, diálise (hemodiálise domiciliaria e diálise peritoneal) e transplante renal (incluíndo a doazón de vivo), son imprescindibles para os doentes con ERC poderen manter un proxecto de vida de calidade.
4. Colaboración institucional: Promover a colaboración entre as institucións sanitarias, as asociacións de persoas con ERC, os profesionais da saúde e a sociedade en xeral para abordar de maneira integral a ERC en Galicia. O apoio ás asociacións de persoas con ERC, mediante acordos de colaboración, é unha ferramenta que promoverá unha mellor saúde renal en Galicia.
5. Investigación e innovación: Apoio á investigación e á innovación no campo da nefroloxía, co obxectivo de desenvolver novas terapias e mellorar a calidade de vida das persoas con ERC. O Plan de Atención Integral á persoa con ERC é unha ferramenta aínda por desenvolver en Galicia.
6. Reforzar a presenza da nefroloxía: Fomentar a visibilidade e o protagonismo da nefroloxía na asistencia sanitaria e na sociedade en xeral como eixo central para acadar estes obxectivos.
O Parlamento de Galicia fai un chamamento á cidadanía, aos profesionais da saúde e do social, ás institucións públicas e ás entidades privadas para que se unan aos esforzos na prevención, a detección e o tratamento da ERC, co obxectivo de mellorar a saúde e a calidade de vida das galegas e dos galegos.
Coida os teus riles, coida a túa vida é un lema que nos lembra a importancia da saúde renal e a necesidade de actuarmos de maneira proactiva para previr e combater a ERC. O Parlamento de Galicia reafirma o seu compromiso con esta causa e convida toda a sociedade a se sumar a este esforzo colectivo.
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2025