Santiago, 23 de xuño de 2025. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, mantivo a primeira reunión cos membros do Padroado da Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, a cal foi constituída o 12 de abril deste ano.
O presidente declarou que a reunión que mantiveron hoxe co Padroado da Fundación de Galegas e Galegos Ilustres foi moi satisfactoria para todos.
Nesta xuntanza conseguíronse varios acordos para os diferentes nomeamentos dentro do Padroado. Desa maneira, haberá tres vicepresidencias: a primeira vicepresidencia será ocupada pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a segunda vicepresidencia será ocupada polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; e a terceira vicepresidencia será ocupada polo arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto. A posición do secretariado ocuparaa tanto a secretaria da Mesa do Parlamento como a súa vicesecretaria.
O presidente da Cámara tamén comentou que se acordou introducir a Confraría do Rosario dentro da comisión asesora do Padroado e explicou que se delegará a presidencia para casos concretos.
Para o xefe do Lexislativo autonómico, a reunión foi laboriosa e construtiva. O próximo paso será elaborar o regulamento de usos e honras que se vai canalizar a través do arcebispado ata que sexa oficial. Nas palabras do propio presidente: «Irase vendo como vai evolucionando o regulamento para acadar outra reunión do Padroado».
No encontro estiveron presentes o conselleiro de Cultura, José López Campos; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto; e os representantes da Mesa do Parlamento.