saltar ao contido

A Cámara galega acolle a final do Parlamento Xove


  • Este certame de oratoria e debate, que se leva realizando dezaseis anos, contou coa participación de alumnado da ESO, de bacharelato e das universidades
  • O presidente do Parlamento defende que este tipo de iniciativas destinadas á xuventude fomentan «unha cidadanía democrática e responsable, presente e futura».​

Santiago, 20 de xuño de 2025. O salón de plenos do Parlamento de Galicia acolleu este venres a final do décimo sexto certame do Parlamento Xove, organizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.​

No seu discurso de clausura, o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, resaltou que sempre queda sorprendido polos asuntos tan innovadores e polos diferentes enfoques que expoñen as mozas e mozos no debate, alén do alto nivel de argumentación e dialéctica que demostran.

O xefe do Lexislativo tamén destacou que a «expresión oral é unha habilidade necesaria que debe ser coidada por parte do sistema educativo e tamén polas familias, xa que se trata dun puntal determinante na traxectoria persoal e profesional de calquera persoa».

Santalices non se quixo esquecer de felicitar tanto a Dirección Xeral de Xuventude pola organización do Parlamento Xove como tamén as familias e o alumnado por apostaren decididamente pola oratoria e por falar en público.


O respecto como valor parlamentario

O presidente da Cámara autonómica admitiu que neste tipo de actividades sempre se percibe que os estudantes participantes posúen valores parlamentarios coma a tolerancia, o respecto aos adversarios, o debate civilizado e a diversidade de puntos de vista e de enfoques sobre o tema central de debate, que este ano foi Pode a tecnoloxía substituír o papel docente? Estes aspectos víronse reflectidos nas intervencións dos participantes, como exemplo tamén de cidadáns que teñen valores democráticos.

Durante a clausura do certame, o presidente do Parlamento estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López; a vicesecretaria da Mesa do Parlamento, Patricia Iglesias; a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses; e por deputadas e deputados dos diferentes grupos parlamentarios, que fixeron entrega dos premios aos mellores oradores e aos gañadores das tres categorías (ESO, bacharelato e universidades).


Premio aos mellores oradores

Universidade​

  • Orador: Iván Fernández Fernández do Campus Vigo-Equipo 1

Bacharelato 

  • Oradores: Denís Fernández Casal e Anxos Pérez Prego, ambos do IES Francisco Asorey (Cambados)​

ESO

  • Oradores: Noela Cores Iglesias (CPR Plurilingüe La Salle, Santiago de Compostela) e Pablo Isaías Alonso Martínez (CPR Plurilingüe Sagrada Familia, Vilagarcía de Arousa)

 

Premios Parlamento Xove 2025

Universidade

  • Equipo: Campus Santiago (USC)-Equipo 2

Bacharelato

  • Equipo: IES Muralla Romana (Lugo)

ESO

  • Equipo: CPR Plurilingüe Sagrada Familia (Filipenses) (Vilagarcía de Arousa)


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina