A Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, na súa sesión do 30 de maio de 2025, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 22558 (12/PNC-002122)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Fernández Rosende, Jesús María e 14 máis
Sobre as actuacións que a Xunta de Galicia debe demandar ao Goberno central co fin de que promova un cambio, en consenso co sector, da normativa estatal respecto do uso de medicamentos veterinarios
BOPG n.º 182f1, do 02.04.2025
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 14 votos a favor, 0 votos en contra e 2 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia, a dirixirse ao Goberno de España para que adopte as seguintes medidas:
1º Establecer unha mesa de diálogo cos colexios profesionais veterinarios, coas asociacións protectoras animais e coas administracións públicas autonómicas, co obxectivo de garantir que se respecte o criterio profesional veterinario e reduza a burocracia, mediante a revisión e simplificación da lexislación vixente.
2º Namentres non se chegue a un acordo co previsto no punto anterior, se adopte unha moratoria na aplicación do Real Decreto 666/23 do 18 de xullo, de tal xeito que se poidan adaptar e axilizar os procedementos, tanto no relativo a animais de produción como animais de compañía, exóticos e aqueles que non entran na cadea de consumo.
3º Homoxeneizar, a través das plataformas dispoñibles, o sistema nacional de declaración de antibióticos que chegan ao poder dos titores de mascotas e gandeiros de animais de produción.
4º Promover a derrogación inmediata do réxime sancionador relacionado coas notificacións de prescrición de antimicrobianos, previsto na Lei estatal de Sanidade Animal, substituíndo por un novo que respecte e garanta a proporcionalidade das sancións.
5ª Apoiar legalmente aos veterinarios, a través da modificación do Real Decreto Lexislativo 1/2015, reforzando a figura da cesión de medicamentos (na terminoloxía do Real Decreto 666/2023) con destino aos animais baixo o seu coidado, de todos e cada un dos medicamentos necesarios para a atención urxente dos mesmos, sistema que demostrou a súa eficacia.
6º Simplificar os trámites de importación de medicamentos veterinarios, garantindo que as restricións normativas non dificulten o acceso a tratamentos esenciais para os animais en España, sempre que estean avalados desde o punto de vista científico.
7º Revisar a normativa sobre medicamentos veterinarios, toda vez que en veterinaria existen moitas especies diferentes o cal crea un mercado moi fragmentado, polo que se debe elaborar un marco regulador que aborde as características e especificidades do sector veterinario, nos trámites de autorización de medicamentos.
8º Revisar e actualizar as fichas técnicas e prospectos dos medicamentos veterinarios que se comercializan co obxecto de que reflictan, con maior concreción, os seus posibles usos e aplicacións, en base a estudos científicos recentes, para dar cumprimento ás esixencias que se establecen no Regulamento 2019/6.
9º Promover a modificación do tipo impositivo do IVE aplicable á prestación de servizos veterinarios de animais de compañía, reducindo o actual do 21%, porque penaliza a saúde e benestar animal e, polo tanto, a saúde pública, xa que encarece os tratamentos e dificulta o seu acceso por parte dos titulares responsables dos animais e acaba redundando en problemas de saúde pública pola gran cantidade de enfermidades dos animais que teñen carácter zoonótico".
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 21709 (12/PNC-002021)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Viso Diéguez, Miguel Ángel e 8 máis
Sobre a demanda dirixida ao Goberno galego co obxectivo de deseñar unha estratexia para a recuperación das razas gandeiras autóctonas ameazadas
BOPG n.º 175f1, do 19.03.2025
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 16 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a valorar a situación da recuperación das razas autóctonas galegas ameazadas, e adoptar decisións que as impulsen definitivamente, a través do deseño dunha estratexia común dirixida ao establecemento dun plan de axudas para a recría de femias e machos en favor dos gandeiros e gandeiras titulares das razas bovinas, ovina e cabrúa ameazadas".