A Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos, na súa sesión do 28 de maio de 2025, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 21739 (12/PNC-002026)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rodríguez Carrera, María Felisa e 9 máis
Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe dirixir ao Goberno central relativas á reclamación das persoas que, ao faceren achegas a diferentes mutualidades profesionais, tributaron de máis en concepto de IRPF
BOPG n.º 175f1, do 19.03.2025
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 9 votos a favor, 0 votos en contra e 5 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España a adopción das seguintes medidas:
1º.- Derrogar e deixar sen efecto desde a súa entrada en vigor a modificación introducida pola Disposición final décimo sexta da Lei 7/2024 do 20 de decembro e, no seu caso, practicar as devolucións correspondentes aos mutualistas que tributaron máis do debido segundo o establecido polo Tribunal Supremo e a xurisprudencia coincidente.
2º.- Proceder á devolución íntegra e sen aprazamentos das contías xa solicitadas en tempo e forma polos contribuíntes, aínda despois do 22 de decembro de 2024, para non xerar diferenzas de trato con aqueles que xa percibiron as devolucións das cantidades ingresadas indebidamente diante da Axencia Estatal da Administración Tributaria."