A Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, na súa sesión do 27 de maio de 2025, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 24601 (12/PNC-002264)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Castro Rey, Paloma e López Font, Carlos
Sobre as actuacións que a Xunta de Galicia debe levar a cabo co obxecto mellorar a seguridade viaria para peóns e vehículos na antiga PO-531 entre a igrexa de Curro e a entrada ao polígono industrial, no concello de Barro
BOPG n.º 195f1, do 07.05.2025
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 17 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
1. Dirixirse ao Concello de Barro para que formule unha proposta concreta de humanización da antiga PO-531 no treito comprendido entre a Igrexa de Curro e a entrada ao Polígono Industrial, así como do seu financiamento, de modo que poida ser traspasada ao Concello.
2. Retomar o proxecto de mellora da seguridade viaria e senda da PO-531 entre o polígono de Sequeiros e Curro, incluíndo a construción do paso subterráneo no lugar de Bretoña para o tránsito de vehículos agrícolas.
3. Estudar no proxecto a desenvolver como facilitar o acceso peonil á Farmacia de Curro, e proceder ao repintado dos xa existentes na PO-531, garantindo a súa visibilidade e seguridade."
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 22080 (12/PNC-002064)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rodríguez Conde, Ángel e 9 máis
Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe dirixir ao Goberno central en relación co proxecto de mellora e humanización do tramo da estrada N-550 ao seu paso polo lugar da Ponte, en Padrón
BOPG n.º 179f1, do 26.03.2025
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 17 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que se dirixa ao Goberno de España para:
1.- Executar con carácter de urxencia as obras de humanización do tramo da estrada N-550 ao seu paso pola Ponte, en Padrón, segundo proxecto aprobado no seu día e non materializado.
2.- Actualizar o proxecto, de ser o caso, incorporando todas as obras necesarias para a mellora da seguridade viaria e peonil, renovación da sinalización e mellora da iluminación deste treito."