A Comisión 4ª, Educación e Cultura, na súa sesión do 30 de abril de 2025, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 21783 (12/PNC-002034)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Pomar Tojo, Carmen María e 9 máis
Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe dirixir ao Goberno central para que impulse unha nova lei de patrimonio cultural que actualice o marco lexislativo nesta materia
BOPG n.º 179f1, do 26.03.2025
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 10 votos a favor, 0 votos en contra e 7 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno central para que impulse unha nova Lei do Patrimonio Cultural para modernizar e refundir a lexislación vixente en materia de patrimonio, en colaboración coa Comunidade Autónoma de Galicia, os concellos e as demais institucións públicas e privadas do sector."
- 22515 (12/PNC-002114)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Vázquez Suárez, Cecilia e 8 máis
Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe dirixir ao Goberno central en relación coa mellora do financiamento do sistema público universitario
BOPG n.º 185f1, do 09.04.2025
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 15 votos a favor, 0 votos en contra e 2 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a solicitar ao Ministerio de Universidades que:
1) Participe de xeito claro na financiación do Sistema Público Universitario e, en consecuencia, na consecución do obxectivo de acadar o 1% do PIB en recursos públicos as universidades no 2030 e, para iso, concrete os fondos que trasladará: prazos, fórmulas, medidas compensatorias en función do esforzo realizado.
2) E que calquera reforma que se realice no sistema universitario, que afecte ás Comunidades Autónomas, sexa en dialogo con elas e sempre trasladando os fondos necesarios para a aplicación das medidas propostas."
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 17737 (12/PNC-001651)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Queixas Zas, Mercedes e Castro García, Daniel
Sobre a demanda ao Goberno galego do impulso dunha mesa de diálogo con outras administracións para mercar o baixo da rúa Olmos da Coruña e poder pór en valor os murais de Urbano Lugrís alí localizados
BOPG n.º 147f2, do 29.01.2025
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 17 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento insta a Xunta a impulsar unha mesa de diálogo con outras administracións, como o Concello da Coruña e a Deputación da Coruña, co obxectivo de mercar o baixo da rúa Olmos da Coruña que contén os murais de Urbano Lugrís e crear nel o Espazo Lugrís como sede dun proxecto de dinamización cultural desde o que pór en valor esta obra."