Declaración Institucional do Parlamento de Galicia con motivo da conmemoración do Día Mundial da Síndrome de Down
Perante a conmemoración do Día Mundial da Síndrome de Down, o 21 de marzo, o Parlamento de Galicia quere amosar o seu recoñecemento ás persoas con esta alteración cromosómica en Galicia, así como ao imprescindible movemento asociativo que as representa e que encabeza a Federación Down Galicia. Así mesmo, instamos as institucións públicas, as organizacións privadas e a sociedade civil a se comprometeren activamente na eliminación de prexuízos e na mellora da calidade de vida do colectivo.
A inclusión social é esencial para garantir que todas as persoas, con independencia das súas características ou capacidades, poidan acceder aos recursos e ás oportunidades necesarias para a súa plena participación na sociedade e a súa realización como individuos. Así o indica a Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade da ONU, aprobada en 2006 e ratificada por España e por este mesmo Parlamento en 2008.
A discapacidade non reside na persoa, senón nas barreiras que dificultan a súa participación. Por tanto, é deber da Administración articular medidas que derruben estas barreiras e alentar a sociedade a facer o propio desde os seus ámbitos persoais.
Por todo isto, esta Cámara reafírmase no seu compromiso coa inclusión das persoas coa síndrome de Down, para que poidan levar a vida que elas mesmas elixan, erixíndose en cidadáns e cidadás de pleno dereito. Mais para iso é mester poñer en marcha medidas concretas, entre as que destacan:
Por iso, desde esta cámara queremos ratificar a nosa aposta por unha sociedade inclusiva, garantindo os dereitos de todas as persoas e proporcionándolles os apoios necesarios para viviren como elas mesmas decidan, e instamos a sociedade a se sumar ao respecto pola diferenza e pola diversidade, porque, como di o lema das entidades Down de Galicia, «Contigo podemos máis».