saltar ao contido

A Medalla do Parlamento de Galicia 2025 distingue á Real Academia Galega de Belas Artes, Afundación e ao catedrático Ramón Villares

 

 

 

A Medalla do Parlamento de Galicia 2025 distingue á Real Academia Galega de Belas Artes, Afundación e ao catedrático Ramón Villares

 

  • Recibirán a máxima distinción que outorga a Cámara autonómica o vindeiro 5 de abril  en recoñecemento pola súa colaboración na conservación, promoción e divulgación dos fondos e da actividade cultural da institución

 

  • A concesión da Medalla foi acordada na reunión da Mesa da Cámara celebrada este martes

 

 

Santiago, 4 de marzo de 2025.- A Mesa do Parlamento acordou na súa reunión de hoxe conceder a Medalla do Parlamento de Galicia 2025 á Real Academia Galega de Belas Artes, a Afundación- Obra Social Abanca e ao catedrático de Historia Contemporánea da USC, Ramón Villares, en recoñecemento á súa colaboración no ámbito da conservación e divulgación do patrimonio artístico e cultural que acolle a Cámara galega.

​ 

 

Real Academia Galega de Belas Artes

 

A Real Academia Galega de Belas Artes, asociada ao Instituto de España, é unha corporación oficial que actúa como institución consultiva, informativa e asesora de organismos públicos e privados. Desde 2018 ven colaborando de xeito permanente co Parlamento de Galicia na difusión, estudo, investigación e conservación da colección artística da Cámara.

 

 

Afundación-Obra Social Abanca

 

Afundación-Obra Social Abanca comparte co Parlamento galego o interese común pola difusión da arte e a cultura galegas que se concreta na súa colaboración para promocionar e divulgar os fondos artísticos e o desenvolvemento de actividades culturais. Ambas institucións intensificaron esta colaboración para difundir as súas respectivas coleccións de arte a través de iniciativas como a organización de exposicións, o intercambio de pezas ou a realización de estudos.

 

Ramón Villares

 

Ramón Villares é catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e foi presidente do Consello da Cultura Galega.

 

Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia e reitor de Universidade de Santiago de Compostela entre 1990 e 1994.

 

Autor de numerosas publicacións, colaborou co Parlamento como comisario da exposición O Poder da palabra, organizada no marco da conmemoración do 40 aniversario, así como na realización do libro Os tempos son chegados. Balance da Galicia autonómica, Estatutos de Autonomía 1936-1981 ou Edición crítica do Sempre en Galicia de Castelao, entre outras iniciativas.

 

 

Edicións anteriores

 

Nas anteriores edicións, a Medalla do Parlamento de Galicia foi entregada aos/as expresidentes/as do Parlamento de Galicia (2016); Comisión dos 16 (autores do anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia, en 2017); Cáritas diocesanas, COGAMI e Aldeas Infantiles SOS (2018); e á emigración galega (entregada aos 14 centros e entidades que integran a Comisión delegada do Consello de Comunidades Galegas, como lexítimos representantes do conxunto da emigración galega de todos os tempos, na edición de 2019).

 

No ano 2020, a Medalla do Parlamento de Galicia non foi concedida porque a Cámara se atopaba disolta na data prevista para o acto de entrega que coincidía, ademais, co confinamento derivado da primeira onda da covid-19.

 

No ano 2021 a Medalla do Parlamento foi entregada ás fundacións que perpetúan o legado da Xeración Nós, mentres que na edición de 2022 se recoñeceu o labor das institucións estatutarias (Valedor do Pobo, Consello de Contas e Consello da Cultura Galega), pola súa contribución  ao afianzamento do autogoberno.

 

No ano 2023 a distinción do Lexislativo recoñeceu a cooperación transfronteiriza entre Galicia e a Rexión Norte de Portugal.

 

No ano 2024 a Medalla do Parlamento non foi concedida pola coincidencia coas datas de comezo da XII Lexislatura.

 

Desde a súa primeira edición, a Medalla do Parlamento de Galicia veuse entregando o 6 de abril de cada ano, aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia. Este ano a entrega adiantarase ao 5 de abril, por cadrar en domingo.

 

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación

​ 


 



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina