saltar ao contido

Acordos aprobados na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior celebrada o 15 de xaneiro de 2025

A  Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, na súa sesión do 15 de xaneiro de 2025, adoptou os seguintes acordos:

 

Procedementos de control e impulso

Proposicións non de lei en Comisión

 

Aprobación con modificacións

 

- 14164 (12/PNC-001386)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Santamaría González, Raúl e 8 máis

Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central en relación coas instalacións e a capacidade operativa do cuartel da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa

BOPG n.º 115f2, do 13.11.2024

 

Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, por 9 votos a favor, 7 votos en contra e 1 abstencións.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao goberno de España para:

1.- Que o Ministerio do Interior constrúa un novo Cuartel da Garda Civil en Vilagarcía de Arousa ou, na súa falta, realice unha rehabilitación integral do actual.

2.- Que o Ministerio reconsidere a súa decisión de trasladar a dependencia da capitanía da Garda Civil a Cambados e mantéñaa en Vilagarcía de Arousa.

3.- Que o Ministerio do Interior manteña no acuartelamento de Vilagarcía de Arousa os servizos de Atención ao Cidadán en materia de Intervención de Armas, Servizo de Protección da Natureza e Servizo Fiscal e Fronteiras (as dependencias situadas no Porto de Vilagarcía e as que se atopan no acuartelamento).

4.- Que o Ministerio do Interior cubra a taxa de reposición dos axentes adscritos á compañía de Vilagarcía de Arousa."

 

Aprobación por unanimidade con modificacións

 

- 1216 (12/PNC-000132)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Pérez López, Noelia e 14 máis

Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central en relación coa dotación policial para afrontar a repunta da criminalidade na cidade e na provincia de Ourense

BOPG n.º 9f2, do 11.04.2024

 

Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 17 deputados e deputadas presentes.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España as seguintes medidas:

1º.- A creación dun Grupo Operativo completo da Unidade de Prevención e Reacción (UPR) da Policía Nacional na cidade de Ourense, co obxecto de que poidan realizar as funcións que lle son propias de xeito eficaz e eficiente.

2º- Mentres non se cree o Grupo Operativo da UPR en Ourense dotar, con carácter urxente, as vacantes conforme ao previsto no Catálogo de postos de traballo, e así completar o Subgrupo Operativo cos medios necesarios para poder exercer as súas funcións en condicións de seguridade.

3º- A creación dunha Brigada Móbil de Policía no Transporte na Comisaría de Ourense.

4º.- Proceda á actualización do catalogo de postos de traballo das forzas e corpos de seguridade en Galiza.

5º.- Acorde a implementación dunha unidade de drogas e crime organizado na comisaría de Ourense."​​



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina