saltar ao contido

Santalices avoga por garantir un sistema de financiamento equilibrado no que se priorice ás persoas por riba dos territorios

 

Santalices avoga por garantir un sistema de financiamento equilibrado no que se priorice ás persoas por riba dos territorios

 

  • O presidente do Parlamento de Galicia exerceu como delegado rexio na Ofrenda da Translación celebrada esta mañá na Catedral de Santiago

 

  • Expresou o seu recoñecemento a todos os voluntarios, membros de equipos de emerxencias e corpos de seguridade que interviron nas riadas que afectaron a varias comunidades

     
  • “A recuperación da normalidade e a reconstrución para que as vítimas sintan a protección real das administracións ten que ser unha obriga para todos"

     
  • “O servizo público debe orientarse, sempre e por riba de calquera obxectivo, á busca do ben común para seguir construíndo unha sociedade de persoas libres e iguais, en dereitos e deberes"

     
  • Demandou unha análise crítica e racional “na que a ética acompañe os desafíos que conleva o crecente liderado da intelixencia artificial

     
  • Advertiu sobre os riscos do idadismo, a discriminación por razóns de idade, “con consecuencias para os nosos maiores, pero tamén para os máis xóvenes".

 

 

Santiago, 30 de decembro de 2024.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, presentou esta mañá, na Catedral de Santiago, en nome do Rei, a tradicional Ofrenda da Translación na que avogou por “un sistema de financiamento equilibrado, e non discriminatorio, no que se priorice ás persoas por riba dos territorios".

 

Na súa intervención,  defendeu “unha sociedade na que todas as persoas, con independencia do territorio no que residan, teñamos garantido o acceso a idénticos servizos públicos".

 

O xefe do Lexislativo autonómico expresou o seu agradecemento ao monarca pola súa delegación “nesta festividade relixiosa que encadea séculos de historia e compromiso da Coroa cos valores que representa para Galicia, para España e para Europa".

 

Referíuse á tradición xacobea “que afunde as súas raiceiras na noite dos tempos, e que non só ten convertido a Santiago nun dos maiores centros de peregrinación da cristiandade", e que conecta a Galicia co resto do mundo.

 

O presidente do Parlamento lembrou na súa ofrenda a traxedia das riadas que afectou a varias comunidades co seu agradecemento aos voluntarios, equipos de emerxencia e forzos e corpos de seguridade que acudiron cun “exemplo de solidariedade e xenerosidade".  Destacou ademais que a recuperación da normalidade “ten que ser unha obriga para todos e todas os que desempeñamos responsabilidades públicas" para que as vítimas sintan unha “protección real e efectiva".

 

Desafíos

 

“Son moitos os desafíos aos que nos enfrontamos nun mundo cada vez máis entregado a unha vertixinosa evolución tecnolóxica", dixo. E, neste sentido, avogou por unha análise crítica e racional “nas que a ética acompañe o crecente liderado da intelixencia artificial", con especial atención aos máis novos e aos máis maiores.

 

Advertíu Santalices no seu discurso, sobre as consecuencias do idadismo, a discriminación por motivos de idade, “non só para os de máis idade senon tamén para os máis novos, e, por tanto, para a sociedade en xeral. “A lonxevidade no século XXI non pode ser concebida como unha ameaza sinon como unha oportunidade de vida", defendeu.

 

Nas súas peticións ante o Apóstolo como delegado rexio na festividade da Translación, solicitou “dar voz aos máis vulnerables, ás vítimas de calquera tipo de violencia, aos máis novos e aos máis maiores", e pediu “valentía, decisión e coordinación" para encara a violencia machista.

 

Pedíu de novo “paz e pola paz" en Ucraína e en Oriente Medio e tamén paz  nos fogares e nas familias; por todas as persoas enfermas e as súas familias e pola emigración galega. “Pedimos polo ben común, obxectivo último de cantos desempeñamos responsabilidade, nun tempo tan necesitado de exemplaridade", apuntou.

 

O xefe do Lexislativo autonómico rematou a súa intervención solicitando a intercesión do Apóstolo polo Papa e pola Rei e a súa familia, para que “continúe exercendo as súas funcións con rectitude nunha España necesitada de sólidos referentes institucionais"

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

​ 



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina